O novo Bribón estréase este fin de semana en Baiona

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Presentación da Regata 525 Aniversario Arribada Carabela Pinta.

A vila mariñeira de Baiona foi o escenario elixido para a primeira proba en competición do novo Bribón, un veleiro único entre os da súa clase (6m Internacional) e o primeiro deste tipo que se constrúe nos últimos 15 anos.

Tras finalizar a súa construción o ano pasado nos estaleiros Garrido e ser recentemente remodelado nos estaleiros Rodman, o barco será un dos que participen na Regata 525 Aniversario da Arribada da Carabela Pinta, que o Monte Real Club de Yates e o Concello de Baiona organizan para conmemorar a efeméride.

O novo Bribón presume de ter un marcado acento galego, xa que ademais de ser construído e remodelado en estaleiros galegos, ten detrás a Javier Cela, responsable da enxeñería de obra; e ao histórico regatista Pedro Campos, como o seu principal impulsor.

“Por mor da recuperación da clase en Sanxenxo, decidimos lanzarnos á construción dun novo barco co que puidésemos mostrar a posición estratéxica de Galicia no sector e toda a súa capacidade tecnolóxica. E o novo Bribón –di Pedro Campos– é o mellor exemplo do que somos capaces de facer en Galicia.”

Entre os numerosos avances tecnolóxicos que se lle aplicaron ao veleiro, deseñado por Juan K, atópase un pau de fibra de vidro, o primeiro deste tipo que se constrúe en toda a historia do 6m. A intención era poder estrealo no campionato do mundo celebrado o ano pasado en Vancouver (Canadá), onde o Rei Juan Carlos converteuse en campión do mundo da clase 6m, pero non lograron chegar a tempo e finalmente será en Galicia onde regatee por primeira vez.

O obxectivo é ir probando o barco e as súas innovacións de fronte ao Campionato Europeo que se celebrará na localidade bretoa da Trinité (Francia) o próximo mes de setembro, no que o monarca emérito ten previsto participar.

Antes diso, o próximo fin de semana, verémolo competir na Regata 525 Aniversario da Arribada da Carabela Pinta, que se prolongará durante o fin de semana. As probas, nas que participarán en exclusiva barcos da clase 6m, tanto na súa versión clásica como moderna, celebraranse no interior da baía de Baiona, moi preto da costa, co obxectivo de que todo aquel que o desexe poida gozar coa beleza da navegación destes veleiros.

Na presentación oficial do evento, celebrada esta mañá no Monte Real Club de Yates, o vicepresidente do club, Alejandro Retolaza, mostrouse “moi orgulloso de que Baiona fose o lugar elixido para a primeira competición oficial do novo Bribón, e que se faga, ademais, nunha regata tan sinalada –dixo- coa que se conmemora unha das efemérides máis importantes da vila mariñeira”.

O presidente do Monte Real, José Luis Álvarez, incidiu na estreita colaboración que o club mantén, desde hai anos, co Concello de Baiona, co obxectivo de “facer da nosa vila un lugar único que visitar, onde vivir, onde navegar e gozar coa vela”.

O alcalde de Baiona, Ángel Rodal, botou a vista atrás e lembrou a Regata do Descubrimento que o Monte Real organizou no ano 72 e o desafío que presentou anos despois á Copa América para destacar as relacións de Baiona co continente americano e falar da prolífica historia do club na organización de regatas, algo que, segundo asegurou “garante que o evento deste fin de semana será todo un éxito”.

Na rolda de prensa celebrada esta mañá no Monte Real Club de Yates tamén interviñeron a deputada delegada de deportes da Deputación de Pontevedra, Consuelo Besada e o xefe provincial do servizo de deportes da Xunta de Galicia, Daniel Benavides. Estiveron tamén presentes a concelleira de cultura en Baiona, María Iglesias; e o director de Adegas Terras Gauda, Enrique Costas, e o director-xerente de PSA Retail Vigo, Daniel Martín, como colaboradores do evento.

A clase 6m en auxe desde Galicia para o mundo

Os 6m tiveron a súa idade de ouro nos anos 20 e 30, cando lideraban as regatas internacionais, e chegaron mesmo a competir nos Xogos Olímpicos de París (1924) e, posteriormente, en Helsinski (1952).

En España houbo unha importante frota, sobre todo no Cantábrico e no Mediterráneo, que alcanzou certo renome en Europa, pero nos anos 50 e 60, coa chegada de clases máis lixeiras e de construción menos custosa, deixaron de ser tan atractivos, e non volveron recuperar a súa popularidade ata os anos 80.

Hoxe en día, o impulso da clase é máis que evidente, cun notable crecemento da frota nacional e internacional, e neste panorama, Galicia, e en particular Sanxenxo, foi adquirindo cada vez máis protagonismo. Numerosos armadores e tripulacións confiaron en Pedro Campos e na súa firme aposta pola clase, e elixiron Galicia para manter os seus barcos en portos galegos, arranxalos en empresas galegas e competir nas rías galegas.

REGATA 525 ANIVERSARIO ARRIBADA CARABELA PINTA

SÁBADO, 12 DE MAIO DE 2018

11:00 – Almorzo de tripulacións
11:30 – Reunión de patróns
12:30 – Inicio de probas (na baía de Baiona)
15:30 – Comida de tripulacións

DOMINGO, 13 DE MAIO DE 2018

11:00 – Almorzo de tripulacións
11:30 – Reunión de patróns
12:30 – Inicio de probas (na baía de Baiona)
15:30 – Comida de tripulacións
17:00 – Entrega de premios (no Monte Real Club de Iates)

Anuncios