Case 8 anos despois de deixar a alcaldía para ser Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña volve ser o rexedor de Baiona tras ser investido este sábado cos votos a favor dos 11 concelleiros electos do Partido Popular. Despois de xurar o cargo todos os membros da nova corporación e tras recibir o bastón de mando de mans de Diego Álvarez Silva, como membro de menor idade do pleno, as primeiras palabras de Almuiña foron de agradecemento a todos os baioneses e baionesas, pola alta participación nestas eleccións. “Agradecemos aos que nos votaron e aos que non nos votaron. Desde hoxe xa non existe esa diferenza. Gobernaremos para todos e todas os baioneses de nacemento e para todos os baioneses e baionesas de corazón, especialmente para os máis necesitados, para os máis fráxiles”. Tamén tivo palabras para o seu equipo, “que confiou cegamente no proxecto Baiona”. “Hónrome en dirixilos e pídolles traballo, ilusión, sacrificio e que sempre teñan presente que somos servidores públicos, actores secundarios dun momento histórico onde os protagonistas son os cidadáns e cidadás. Irá ben a Baiona se traballamos en equipo, un equipo coordinado e solidario”. Avanzou que o seu goberno vai ser “o do diálogo, o da transparencia, o do traballo sen fin, o da responsabilidade, o da innovación, o de non deixar a ninguén atrás”.
Almuiña quixo destacar que o gran respaldo electoral “trasládanos unha gran responsabilidade para non defraudar ao noso electorado, por iso anuncio que imos cumprir co noso programa electoral desde hoxe mesmo. Enmarcaremos todas as nosas accións dentro do Marco Estratéxico da Economía azul: non pode haber crecemento económico sen protección do noso medio ambiente nin do coidado das persoas. As 12 Baionas son o noso obxectivo. Baiona Concello aberto; economía azul; innovadora; con infraestruturas e conectada; con mobilidade sostible e accesible; medio ambiental; social e igualitaria; mariñeira, náutica e azul; turística; cultural; educativa; do benestar e segura; deportiva, e por iso abriremos o Concello á cidadanía, desenvolveremos un urbanismo dirixido ás persoas, potenciaremos as actividades para todas as idades, facilitaremos a posta ao dispor de máis vivendas para as familias novas novas ou rehabilitadas, colaboraremos coa pesca e o marisqueo, apostaremos polo turismo sostible, poñeremos en valor o noso legado cultural, histórico e ambiental, imos estar en contacto con todas as administracións, Xunta, Deputación e Goberno de España, presentando proxectos”.
“Necesítovos a todos e todas. A todos e todas os baioneses que queren que Baiona progrese. Ao goberno e á oposición. Ao funcionariado. Ás empresas. Ningún cambio profundo pódese facer sen a unión de todos e todas. Baiona sempre foi un referente nacional e internacional e é a nosa obrigación darlle aos cidadáns e cidadás a maior calidade de vida posible. Por Baiona, os seus veciños e veciñas. Viva Baiona”, concluíu dicindo o xa alcalde. Baiona inicia así unha nova etapa política, a segunda de Jesús Vázquez Almuiña á fronte da Alcaldía. Xunto cos 11 concelleiros do PP, conformaron a corporación cinco do PSOE e un do BNG.







