Galicia toca o ceo. Fíxoo un 17 de xuño do 2023, un día que xa forma parte da historia máis brillante do fútbol galego. A Selección Galega, co baionés Antón Iglesias “Kopa” no 11 titular, culminou en Vilagarcía un traballo de catro anos para proclamarse, por primeira vez na historia, campión da Copa das Rexións UEFA tras superar a Belgrado (3-1) nunha gran final. Máis de 3.500 persoas leváronos polo aire, axudáronos a facer historia.
Os de Iván Cancela tiñan o encontro moi mascado. Saíron coa intención de manexar o ritmo do partido a través da posesión da pelota e foron donos e señores do esférico desde o asubío inicial. Do mesmo xeito que ante Bavaria, a Galicia púxoselle moi de fronte a final grazas ao tanto temperán de Félix Rial. O 10 dos galegos aproveitouse dun balón ao espazo, regateou ao porteiro serbio e empuxou a pracer para desatar o delirio na bancada da Lomba.
Co tanto, a Selección Galega foi a por máis. Seguiu xogando en campo contrario en busca do segundo, aínda que ben é certo que tampouco dispuxo de claras ocasións de gol para aumentar a diferenza no marcador. O conxunto serbio, pola súa banda, encomendouse á velocidade dos seus homes de banda para tentar sorprender aos galegos, aínda que a primeira intervención de Ramón non foi ata o minuto 24 cun lanzamento lonxano.
O encontro aínda se lle puxo mellor aos galegos na recta final da primeira metade, cando o colexiado asubiou un penalti a prol de Galicia por unhas mans dun futbolista serbio na súa propia área. Ademais, o colexiado amosou o segundo cartón amarelo, Belgrado quedaba así cun home menos e Álex Rey transformaba a pena máxima para encarrilar a final para a Selección Galega. Co 0-2 chegouse ao descanso na Lomba.
Tras o paso por vestiarios, o guión do partido non cambiou. Galicia seguiu sendo dona absoluta do partido. Malia todo, o fútbol non sabe de xustizas nin de guións e Belgrado meteuse no partido grazas a un golazo de Kolarevic despois dunha gran acción individual. Corría por aquel entón o minuto 57 da final no Estadio Municipal da Lomba. O gol espoleou aos serbios, que tres minutos máis tarde tiveron outra ocasión para empatar a final, aínda que o remate do dianteiro de Belgrado marchou lambendo o traveseiro da meta defendida por Ramón.
Co susto aínda no corpo volveu atacar Galicia, e nunha rápida transición tivo Iñaki Martínez o 3-1, pero o seu disparo, tras a asistencia de Adri Otero, marchou fóra. Os galegos seguían atacando e no minuto 71 tivo Adri Otero de novo a sentenza, pero o seu disparo pegou no poste despois dun erro na saída do porteiro serbio. O que non perdonaría foi Iñaki Martínez a falta de 15 minutos para o final. O futbolista galego finalizou no segundo acto un centro desde a banda dereita de Óscar Lorenzo para desatar o delirio na Lomba e achegar a Galicia ao ceo.
Ficha técnica
GALICIA (ESP)
Ramón; Jesús Varela, Antonio (Martín Sánchez, min. 84), Iago Martínez, Cotilla, Kopa, Fabio (Ube, min. 65), Álex Rey (Óscar Lorenzo, min. 57), Félix (Lucas Antañón, min. 84), Iñaki Martínez e Jony (Adri Otero, min. 57).
Seleccionador: Iván Cancela
BELGRADO (SER)
Bojovic (Novakovic, min. 80); Vukic, Marinkovic, Raskovic (Maksimovic, min. 80), Pavlovic, Saric (Ognjanovic, min. 64), Vukovic, Kolarevic, Krstovic e Gavrilovic (Toskovic, min. 46).
Seleccionador: Goran Jankovic.
1-0 | Félix, min. 8.
2-0 | Álex Rey, de penalti, min. 39.
2-1 | Kolarevic, min. 57.
3-1 | Iñaki Martínez, min. 74.
Árbitro: Kristoffer Karlsson (SWE). Cartón amarelo a Vukic e Raskovic por parte visitante. Expulsou por dobre cartón amarelo a Krstovic no minuto 39.
Final da Copa das Rexións UEFA.
Estadio Municipal A Lomba. Máis de 3.500 persoas.



