A nena afgá Elnaz Osmani xa ten o seu sistema solar no colexio Humberto Juanes de Nigrán

Os nenos e nenas de 5º de primaria do CEIP Humberto Juanes finalizaron a elaboración do sistema solar que levará o nome de Elnaz Osmani, a nena afgá que tivo que escapar dos talibán por estudar astronomía. O deseño deste sistema solar foi unha tarefa proposta polos seus titores nos primeiros días do curso e trátase dunha tarefa planificada dentro do proxecto anual do centro “Acción polo clima”. Todos e cada un dos planetas foron elaborados con material reciclado.

Cando coñeceron a historia de Elnaz, o alumnado de 5º propuxo a idea de poñerlle o seu nome ao proxecto como homenaxe a unha historia chea de coraxe e valor. Elnaz Osmani é unha moza de 16 anos. Como astrónoma afeccionada formaba parte dun grupo -denominado Kayhaneh- xunto a outras catro mozas que buscaban obter respostas á súa curiosidade de saber enfocada no universo. Desde Herat, en Afganistán, lograron que a Asociación Internacional de Astronomía valorase o seu traballo entre os cinco mellores do mundo o que lles valeu o agasallo dun telescopio e outros materiais.

A chegada dos talibán ao poder provocou un exilio de centos de miles de persoas que fuxiron. Entre elas, figuraba a familia de Osmani, os seus pais e tres irmáns. A familia logrou un visado para entrar en Irán, onde estiveron tres meses ata saír cara a España. Elnaz Osmani visitou o colexio Humberto Juanes nada máis pisar terras galegas antes de instalarse en Sobrado dos Monxes xunto aos seus pais e irmáns. Os nenos e nenas creadores deste sistema solar desexan que Elnaz poida volver algún día ao Humberto Juanes para que poida ver o traballo que con tanto agarimo realizaron para a súa astrónoma favorita.