Sin categoría

125 anos de presenza da Adoración Nocturna na Diocese de Tui-Vigo

A Adoración Nocturna Española (ANE) celebra o 125º aniversario da súa presenza na diocese de Tui-Vigo, cunha vixilia presidida polo bispo de Tui-Vigo, Mons. Luis Quinteiro, o sábado 17 de xuño, ás 22:00 horas, no templo parroquial de San Xosé Obreiro e Santa Rita de Vigo. Durante a celebración, o prelado bendirá a cidade olívica desde a praza de Miguel Ángel Blanco. Previamente á vixilia, ás 21:15 horas, no colexio Hogar, realizarase a inscrición e presentación de bandeiras das diferentes quendas da Adoración Nocturna Española -está previsto que acudan grupos de fóra de Galicia-.

Na actualidade, a diocese de Tui-Vigo conta con aproximadamente 400 adoradores que se reúnen periodicamente para adorar o sacramento da Eucaristía, o que supón un total de 36 quendas de adoración repartidas por todo o territorio da diocese. Durante o ano 2022, algúns destes grupos estiveron de celebración, como é o caso da ANE do Porriño que cumpriu 100 anos desde a súa fundación ou a ANE de Ribadetea, que festexou as súas vodas de prata.

A Adoración Nocturna Española é unha asociación de fieis recoñecida pola Igrexa católica, que ten como principal finalidade a adoración, durante a noite, do Santísimo Sacramento. Creada en 1877 por Luis de Trelles e Noguerol, está presente en practicamente todas as dioceses españolas.