Sin categoría

A Agrupación Musical de Belesar celebra o seu 25 Aniversario

A Agrupación Musical de Belesar celebra este sábado 17 de xuño o seu 25 Aniversario coa celebración do seu XXVI Festival de Bandas. O evento comezará ás 20:00 horas no Torreiro de Festas acompañados pola Agrupación Musical do Rosal, que tamén os apadriñou na súa presentación oficial o 20 de xuño de 1998. No caso de mal tempo trasladarase ao Centro Cultural Municipal de Belesar.

Todo empeza no ano 1997, cando o seu actual director, Javier Domínguez Millán, propón á dirección do Colexio Público de Belesar impartir clases de música como actividade extraescolar. Ao principio, só hai 9 alumnos pero en tres meses esta cifra increméntase ata os 35. Un ano máis tarde, e visto o interese que esperta esta actividade, tómase a decisión de comprar os primeiros instrumentos e así dar un paso máis cara á formación da Agrupación Musical de Belesar. O 20 de xuño de 1998 foi o día da súa presentación, apadriñados pola Agrupación Musical do Rosal.

Entre os seus premios en diferentes certames musicais destacan os seguintes:

  • 2005: Segundo Premio na 2ª sección do V Certame Provincial de Bandas de Música organizado pola Deputación de Pontevedra.
  • 2010: Primeiro Premio na 3ª sección do X Certame Provincial de Bandas de Música organizado pola Deputación de Pontevedra.
  • 2010: Segundo Premio na 3ª sección do IV Certame Galego de Bandas de Música.
  • 2011: Segundo Premio na 3ª sección do XI Certame Provincial de Bandas de Música organizado pola Deputación de Pontevedra.
  • 2011: Terceiro Premio na 3ª sección do V Certame Galego de Bandas de Música.
  • 2013: Segundo Premio na 3ª sección do VII Certame Galego de Bandas de Música.
  • 2014: Segundo Premio na 3ª sección do XIII Certame Provincial de Bandas de Música organizado pola Deputación de Pontevedra.
  • 2015: Segundo Premio na 3ª sección no IX Certame Galego de Bandas de Música.
  • 2017: Segundo Premio na 3ª sección no XI Certame Galego de Bandas de Música.
  • 2019: Terceiro Premio na 3ª sección no XII Certamen Galego de Bandas de Música.

O ano 2007 é moi importante na historia da Agrupación Musical de Belesar, xa que editan o seu primeiro traballo discográfico titulado “Na saia da Groba”, e ademais tiveron a oportunidade de tocar co novo e célebre trompetista Rubén Simeó Gijón, considerado un dos mellores trompetistas a nivel internacional. Entre as súas viaxes e intercambios destacan os celebrados no ano 2008 a Palos de la Frontera (Huelva), con motivo dos actos conmemorativos do descubrimento de América; e tamén o intercambio coa Banda de Música de Vilanova i la Geltrú (Barcelona). En xullo de 2014, participan no XV Certame Internacional de Bandas de Música Villa de Aranda (Burgos), sendo unha das 7 bandas en participar e no que se presentaron un total de 26 bandas chegadas de diferentes puntos do ámbito internacional.

No mes de abril deste mesmo ano, viaxan a Santa Fe de Granada en representación do Concello de Baiona con motivo dos actos conmemorativos do Descubrimento de América. Por último dicir que a banda está dirixida dende a súa fundación por Javier Domínguez Millán e que contan cunha escola de música con aproximadamente 50 alumnos que serven de canteira para a agrupación. A súa finalidade é promover a música e a cultura en xeral entre a xente nova e non tan nova da parroquia de Belesar e do Concello de Baiona.