Esta fin de semana disputouse o Campionato Galego Libre de Categoría Nacional Cadete-Sénior de patinaxe artística sobre rodas, no Pavillón de Monte Alto, na Coruña, e o Club Patinaxe Artística Gondomar tivo a súa representación en diferentes categorías alcanzando diversos podios. Os mellores patinadores galegos reuníronse en Monte alto para disputar o campionato autonómico, entre eles, o CPA Gondomar, que conseguiu 3 medallas, ouro, prata e bronce, da man do seu adestrador David Figueroa Pérez, quen se trasladou a Coruña para dirixir as sesións das súas patinadoras.
Na categoría júnior feminino, Noa Álvarez, alcanzou a primeira posición, ouro galego, proclamándose campioa galega. Na categoría cadete feminino Xiana Fernández, en segunda posición, portando a prata galega, proclamándose subcampioa galega. Finalmente, María Moldes tamén alcanzou podio en terceira posición, bronce galego, en cadete feminino. O resto de patinadoras do CPA Gondomar tamén alcanzaron grandes posicións, e mostraron uns programas de alta dificultade, conseguindo sacalos adiante. O campionato comezou con adestramentos o sábado de mañá, e finalizou o domingo pola tarde noite coa entrega de trofeos.


