Esta madrugada un condutor esnaquizou varias das alfombras florais do Corpus en Gondomar. Os feitos ocorreron preto das 6:00 da mañá cando un vehículo accedeu á rúa Eduardo Iglesias, que permanecía pechada ao tráfico, levándose por diante mesmo os valos que impedían o paso. As máis afectadas foron as elaboradas pola Asociación Cultural de Mañufe e a comparsa O Millor de Cada Casa de Vincios.
“Todo un día de traballo, que digo un día, máis dun mes de traballo, ilusión, esforzo para manter a tradición de cubrir con tapices florais as rúas de Gondomar o día de Corpus para goce de todos e todas e ao final todo pola borda porque hai persoas que non poden vivir ou non queren vivir dentro dos límites cívicos que marca a sociedade, este é o respecto cara a todo o que nos rodea”, lamentaban desde a Asociación Cultural de Mañufe. “Desde a nosa asociación e para todas as persoas que colaboraron neste precioso traballo e agora senten unha gran tristeza pola desfeita, un forte abrazo e moito ánimo e para o ano con máis forza”.
“Non temos palabras para describir todo o que sentimos ao pasar un coche en mans dun “monstro” e esnaquizou tantísimo traballo e ilusión. Grazas a Deus non estabamos alí e non nos pasou a nós por encima. Imos quedarnos co ben que o pasamos. Grazas a todas as mostras de apoio”, sinalaban desde a comparsa de Vincios.
“Ás 5:45 recibimos unha chamada, mozos pasou un coche por encima das alfombras e toca levantarse, cando aínda nos acababamos de deitar, e volver a Gondomar”, relatan desde a Asociación de Veciños Galiñeiro de Vincios. “E atopámonos co percal, outro ano máis, a nosa foi unha das menos afectadas pero tamén lle tocou. Queremos darlle ánimos ao Centro Cultural de Mañufe e a comparsa O Millor de Cada Casa (os nosos veciños), que foron os máis afectados. Non hai explicación nin palabras. Tan só pedimos seguridade e que se nos respecte o noso traballo”.




