A parroquia nigranesa de Chandebrito estreou este domingo o Himno ao Cristo da Vitoria, con música de Mónica Balo González, Catedrática de Música do Real Conservatorio Superior de Música de Madrid, e letra de Ignacio Domínguez González, Cóengo da Santa Igrexa Catedral de Tui-Vigo. Tras a celebración da Misa Solemne, foi interpretado pola Banda de Música Agrupación Musical do Val Miñor e cantado polos fregueses da parroquia. O párroco, José Juan Sobrino Pino, xunto o alcalde, Juan González, entregaron un detalle á autora.
“Hai 23 anos coñecín a José Juan. Foi o meu alumno no Conservatorio Superior de Música de Vigo, onde por aquel entón era profesora de Harmonía e de Piano. A partir daquel momento, foi crecendo unha relación de amizade que se consolidou ao longo dos anos. Foi mestre de cerimonias na nosa voda, apoio incondicional en momentos difíciles, amigo de risas nas boas ocasións… por iso e moito máis, é para min un pracer derrochar a miña creatividade en todo aquilo que me solicita”, relatou Mónica Balo antes da estrea.
“É sempre motivo de orgullo e alegría que a unha compositora cántenlle ou toquen a súa música, pero neste caso é moito máis especial polo lugar no que nos atopamos, pola xente que estades aquí con ilusión e ganas de cantar este Himno que xa é eterno, polos músicos que nos acompañan… grazas chandebriteños e especialmente a ti, José Juan, por regalarme este día tan entrañable”, concluíu dicindo a autora, que deu forma á composición durante o verán de 2022.
Ademais de Himno, o Santísimo Cristo da Vitoria tamén estreou nova anda na procesión, que percorreu a contorna do templo.

