Un ano máis, e xa van 16, GaliExpo volveu demostrar por que é o único MotorShow que sobreviviu ao paso do tempo a nivel nacional. A aposta e o esforzo do comité organizador por ofrecer unha variada oferta de lecer e negocio en torno ao mundo do motor segue dando os seus froitos. Demóstrao a gran acollida do público. Desde que o XVI GaliExpo MotorShow Recalvi Concello de Vigo abriu as súas portas, o pasado venres, foron miles as persoas que percorreron os 25.000 metros cadrados de exposición.
“A valoración destes tres días de salón é moi positiva. A acollida por parte do público foi moi boa e subimos un banzo máis, tanto a nivel expositivo como a nivel empresarial, pola aposta que está a facer o Grupo Recalvi. GaliExpo converteuse nun salón interactivo onde pode vir todo tipo de público a pasalo ben, á vez que as marcas expoñen os seus produtos e fan negocio”, asegura o promotor do MotorShow, Joaquín Portabales.
A mostra de Fórmula 1 do Museo Recalvi, as coleccións privadas de auténticas xoias do automóbil, os vehículos de luxo, os coches de rallyes, o Concurso Top Performance, as furgo camper e os demais expositores dedicados ao mundo das dúas e as catro rodas enchéronse de curiosos que, cámara en man, non deixaron pasar a oportunidade de inmortalizar os momentos vividos nesta festa do motor. Un evento máis familiar que nunca, que promete unha décimo sétima edición aínda máis espectacular.
“A idea de cara ao próximo ano é reforzar a parte profesional; converter a feira nunha oportunidade para que as mellores marcas e empresas ligadas ao mundo do motor cren sinerxias entre elas e co sector da personalización. Sen esquecernos, por suposto da oferta de lecer”, adianta Portabales.
Aforo completo nos espectáculos
Os espectáculos de Freestyle e Drift volveron colgar, un ano máis, o cartel de aforo completo no pavillón 3 do IFEVI. As acrobacias imposibles sobre unha Yamaha YZ250 do piloto austríaco Thomas Wirnsberger levantaron dos seus asentos aos miles de afeccionados que presenciaron o espectáculo con cara de asombro. E as derrapaxes e “piques” dos pilotos de drift foron aclamados por pequenos e maiores. Alex de la Rosa, Karly, Filipe Vieira, Martín Nos e Jose Magalhaes deixaron as rodas dos seus potentes vehículos marcadas sobre o firme do pavillón con manobras ao límite, para deleite do público vigués.
Coa asistencia aos espectáculos de Drift e Freestyle, os afeccionados achegaron ademais o seu gran de area á Asociación FRANGIL, xa que a organización doou unha parte de cada entrada a esta entidade. A Asociación foi creada no ano 2017 para amparar todas as accións realizadas en prol da doazón de medula ósea e de sangue do cordón umbilical, para que as persoas con enfermidades hematolóxicas teñan unha nova oportunidade de saír adiante atopando un doante compatible non emparentado.
As actuacións de baile dos grupos Media Punta e Coruxo Dance e o concerto que ofreceron este domingo Los del Barro tiveron tamén unha gran acollida entre o público.







