A pesar de que varias das alfombras florais foron esnaquizadas por un condutor preto das 6:00 da mañá, Gondomar volveu ser fiel este domingo a unha das súas tradicións máis arraigadas, a celebración do Corpus Christi. A realización dos tapices florais en Gondomar conta cunha tradición de antigüidade semellante á doutros concellos da contorna, con todo, o Corpus Christi da Vila Condal presenta unha particularidade que a diferenza. Trátase da alfombra da escalinata de San Bieito, un tapiz floral que cobre os 40 chanzos que a compoñen.
Desde hai semanas, os veciños recolleron as flores e comezaron os preparativos dos deseños. Grazas ao esmerado traballo dos diferentes colectivos de Gondomar -Asociación de Mulleres Rurais San Benito, Comparsa O Millor de Cada Casa de Vincios, Asociación de Veciños Galiñeiro de Vincios, Grupo Folclórico Novos Aires de Couso, Asociación Cultural de Mañufe, Club de Patinaxe Artística de Gondomar e Centro Cultural Veciñal de Peitieiros- Gondomar espertou un ano máis o Domingo de Corpus coas rúas cheas de cor.
O sábado pola tarde os grupos de alfombristas comezaron a debuxar e confeccionar as alfombras florais en diferentes rúas e prazas de Gondomar, traballo que durou toda a noite. Despois dunha noite longa, a mañá do domingo as rúas de Gondomar amenceron decoradas con estas obras de arte efémera, aínda que varias delas resultaron danadas polo paso dun vehículo durante a madrugada. As máis afectadas, as elaboradas pola Comparsa O Millor de Cada Casa de Vincios e a Asociación Cultural de Mañufe.
A procesión comezou ás 13:30 horas desde a Igrexa Parroquial, despois da Solemne Misa de Corpus Christi, na que se celebraron as tradicionais comuñóns. A comitiva partiu da escalinata de San Bieito acompañada pola Agrupación Musical de Vincios, e percorreu a Alameda, as rúas Eduardo Iglesias, Elduayen, Portugal e Manuel Alonso para deterse na Praza Paradela, para regresar de novo por Eduardo Iglesias e Manuel Losada.

