Sin categoría

Galicia xa ten novos campións galegos de A Dous

O Trofeo MRW organizado polo Monte Real Club de Yates este sábado nas Rías Baixas revelou os nomes dos novos Campións Galegos de A Dous deste 2023. Na categoría masculina, o vencedor da clase ORC foi o equipo formado por Rui Ramada e Pedro Serodio. A bordo do Yess Too a parella completou unha gran regata que lle permitiu alzarse co título autonómico. Na clase J80, os novos campións galegos de A Dous son Andrés e Víctor Gómez, tamén, do Monte Real Club de Yates do mesmo xeito que Ramada e Serodio. Na categoría mixta non houbo grandes sorpresas, xa que a parella gañadora é unha das que se adoitan subir aos podios das competicións de A Dous que se celebran en Galicia. É o dúo formado por Jacobo Vecino e Brenda Maure, a bordo do Salaño Dos do Real Club Náutico de Vigo. A categoría feminina, tanto en ORC como en J80 quedou este ano deserta, xa que o número de mulleres inscritas na competición non chegou ao mínimo esixido para poder formar clase e entregar o galardón á mellor parella de mulleres.

O presidente da Real Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde, foi o encargado de entregar, nun acto celebrado en Baiona, os premios dos novos Campións Galegos de A Dous xunto co Director Executivo de MRW e patrocinador da regata, Santos Almeida. Ademais dos títulos de Campións Galegos de A Dous, no Monte Real Club de Yates entregouse este sábado o copón do IX Memorial Rafael Olmedo, co que o club baionés lembra ao que fora o seu presidente durante máis de 40 anos. Entregouno o fillo de Don Rafael, Mauro Olmedo, e leváronllo os mellores equipos de ORC e J80: o Yess Too de Rui Ramada e Pedro Serodio e o Alboroto de Javier Aguado e Juan Lago. Outras dúas categorías postas en liza a maiores das do Campionato Galego foron as de ORC Extra e Fígaro, nas que levaron os loureiros José Luis Ríos e María Jesús Montes (RCN Vigo) e Roy Alonso e Luis Sampedro (MRCYB), respectivamente.

Coa entrega de premios, o posterior petisco de confraternización para as tripulacións e o peche da regata, o MRCYB cumpriu neste 2023 doce anos consecutivos organizando, por delegación da Real Federación Galega de Vela, o Campionato Galego de A Dous. Unha cita que precede a outra das grandes competicións do club, o Trofeo Conde de Gondomar, que este ano chega á súa cuadraxésimo oitava edición como unha das regatas máis lonxevas do panorama náutico español. Celebrarase do 22 ao 25 de xullo e o prazo de inscrición xa está aberto.