
A Garda Civil de Pontevedra investiga a tres persoas por facerse pasar por policías españois en Portugal para quedar cunhas xoias que foran vendidas alí. A operación denominada “Polilusos”, levada a cabo polo grupo de patrimonio da UOPJ (Unidade Orgánica de Policía Xudicial) da Garda Civil de Pontevedra, iníciase a principios do mes de marzo deste ano. Recíbese un informe policial do Núcleo de Investigación Criminal da Garda Nacional Republicana de Valença do Miño (Portugal), no que informa sobre tres persoas que acudiron a un establecemento de compra/venda de ouro e xoias, situado en Valença do Miño (Portugal) e que tras identificarse dous deles como policías españois, e exhibir dúas carteiras con placas aparentemente oficiais, solicitaron á empregada do establecemento a entrega das xoias que vendera días atrás a terceira persoa que os acompañaba, alegando que as xoias procedían dunha investigación xudicial que se estaba levando en España por roubo.
O establecemento pagara polas xoias que pretendían recuperar 4.000 euros, aínda que o seu valor pode chegar a ser o dobre. Cando a empregada do establecemento decide solicitar a asistencia da Policía de Segurança Pública (PSP), para aclarar os feitos, os tres homes abandonan o local dando argumentos evasivos. A través do estudo das imaxes das cámaras de seguridade do establecemento púidose realizar a identificación dos autores, que resultan ser tres veciños de Vigo, un de nacionalidade venezolana de 38 anos, con antecedentes penais, e os outros dous, de 45 e 80 anos de idade. Foron citados a principios deste mes nas dependencias oficiais da Garda civil en Vigo, onde foron investigados por tres delitos; usurpación de funcións públicas, falsidade en documentos oficiais e tentativa de estafa. As dilixencias foron entregadas no Xulgado de Instrución de Vigo que será quen determine a responsabilidade e pena que lles poida corresponder polos feitos realizados.
A complexidade da investigación destes delitos radica en que os feitos se producen no estranxeiro, aínda que se puido considerar competente a xustiza española para a investigación dos mesmos, por aplicación da Lei Orgánica do Poder Xudicial, que determina que coñecerá a xurisdición española dos feitos cometidos por españois fóra do territorio nacional cando sexan delitos de falsificación dos selos públicos ou oficiais, ou calquera outra falsificación que prexudique directamente ao crédito ou intereses do Estado.