A Deputación adxudica as obras da segunda fase da EP-2403 Mosende-Morgadáns

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de adxudicar as obras de mellora da seguridade viaria da segunda fase da EP-2403 Mosende-Morgadáns, en Gondomar. As actuacións teñen un orzamento de 572.390 euros, financiados integramente pola institución provincial para actuar nun treito de 5,5 quilómetros.

Estas obras de mellora inclúen o fresado e a reposición do firme da estrada. Tamén se disporá de nova sinalización horizontal e vertical e mellorarase a drenaxe e a instalación de sistemas de contención de vehículos, para o que se opta pola solución de barreiras metálicas. Con esta actuación, a institución provincial pretende salvagardar a debida prestación do servizo público viario e mellorar a seguridade.

Os traballos, que contan cun prazo de execución de catro meses, súmanse aos que se están a levar a cabo no primeiro tramo da estrada, que tamén afecta á EP-2404 de acceso a Chenlo (unha vía de menos de 800 metros que transcorre paralela á EP-2403), que se adxudicaron por 443.715 euros.