Chandebrito celebra as festas do Santísimo Cristo da Vitoria

A parroquia nigranesa de Chandebrito celebra esta fin de semana as festas na honra do Santísimo Cristo da Vitoria. O programa comezará o sábado 10 de xuño ás 11:20 da mañá co pasarrúas do Grupo Folclórico Infantil “Nosa Terra de Pereiras”, que fará a súa entrada no Torreiro Vello ás 11:40. Ás 12:00 do mediodía será a Misa na honra de San Antonio, e a continuación, as tradicionais “poxas”. Ao finalizar actuará o grupo folclórico. Pola noite, a partir das 22:30 horas, a verbena estará amenizada polos grupos Nevada e América no Torreiro Novo.

O domingo día 11 a programación arrancará ás 11:00 da mañá co pasarrúas da Banda de Música do Val Miñor, que fará a súa entrada no Torreiro Vello ás 11:30. Ás 12:00 do mediodía celebrarase a Misa Maior na honra do Santísimo Cristo da Vitoria cantada pola Coral Os Vagalumes de Chandebrito. Ao finalizar, a Banda de Música ofrecerá un concerto. Desde as 11:00 ata as 15:00 horas celebrarase a Festa dos Nenos, con inchables e touro mecánico. O Concello de Nigrán colabora con 4.000 euros a través do seu programa “Música nas Parroquias”.