
O próximo 17 de xuño coroaranse en Baiona os Campións de España e Campións Galegos de paddlesurf 2023 nun evento organizado polo Concello de Baiona, Waira e o Club Galego de Surf. Para comprender o traballo de fondo e a posición que ocupa esta cita no calendario deportivo é preciso remontarse aos seus inicios, a travesía popular Nigrán – Baiona de 2011; e que desde fai xa máis dunha década pasou a converterse no Campionato de España Absoluto de Resistencia e Campionato Galego de Longa Distancia, ademais de ser unha proba puntuable para a Liga Nacional e para a Liga Galega.
O campionato desenvolverase nun circuíto trazado na baía de Baiona, con saída e meta na Praia da Ribeira e cunha lonxitude de 5.2 Km ao que os competidores terán que dar varias voltas ata completar a distancia correspondente á súa categoría (21 km, 10.5 km ou 5.2 km) para alzarse cos títulos nacionais e galegos. A proba dividirase nas seguintes categorías: Sub10, Sub12, Sub14, Sub16, Sub18 e Elite. As categorías Sub14 e inferiores tomarán a saída ás 13:00 horas e o resto de categorías iniciarán a competición ás 15:30. A entrega de premios está prevista ás 18:30 horas.
Para achegar máis este deporte ao público xeral, a organización preparou uns percorridos para que todas as probas deportivas partan da Praia da Ribeira, bordeando o paseo de Baiona, de modo que os asistentes poidan gozar da competición. Este evento está organizado polo Concello de Baiona, o Club Galego de Surf e Waira, en colaboración coa Federación Española de Surf e Federación Galega de Surf e patrocinado por Concello de Baiona, Waira, Starboard, Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra.
Toda a información sobre horarios, percorridos e inscricións están dispoñibles na web oficial do evento: supspain.es.