
Baiona presentou este venres a Festa da Arribada 2022, coa que conmemorará o 529 aniversario da chegada da Carabela Pinta. Tras a proxección do vídeo oficial do evento, presentouse unha das grandes novidades desta edición, a mascota oficial de Baiona.
“O Boi Xulián”, “unha personaxe que chega para quedar”, segundo afirmou a concelleira de Cultura, Miriam Costas, e que “será un nexo de unión entre a xente miúda e a historia da vila de Baiona, unha ferramenta coa que divulgar a importancia de Baiona na historia universal e fomentar o amor pola nosa contorna, a través de diferentes accións e contidos culturais. Xulián creará un espazo común de encontro para as familias, combinando o divertimento coa aprendizaxe e convidando o crecemento artístico e cultural de todas e todos os mozos”.
Os responsables que fixeron posible que “O Boi Xulián” sexa unha realidade son Federico Wellicki e Verónica Santalices, unha familia de músicos e artistas que ademais compuxeron a súa canción oficial. Os seus fillos, Erika e Xacob, son os protagonistas do videoclip de presentación do personaxe xunto con nenos e nenas da Escola de Baile Galicia en Danza: Ada Goyanes, André Iglesias, Ángela Cividanes, Carla Alfonso, Claudia Rodríguez, Hugo Quirós, Lara Sanromán, Nora Kinson, Sara Mijón, Valeria Fernández, Xiana Calero, Xoana Alonso e Zoe Fernández, cunha coreografía de Sheila e Álida Loira.
“O Boi Xulián” será presentado o venres 4 de marzo cun espectáculo familiar na Praia Ribeira chamado “Entre dous Mundos co Boi Xulián”.