Tras a dimisión da portavoz de Podemos Nigrán, Lucía Chamorro, e a Secretaria de Organización, Catalina Costas, e as súas baixas na militancia do partido, a confluencia de forzas Somos Nigrán, na que estaba integrada Podemos e Alianza Verde, desaparece como tal. “Foi unha decisión moi difícil de tomar, pero sendo coherentes connosco mesmas considerámola a máis acertada. Seguiremos loitando por un Nigrán mellor pero desde un espazo sen vinculación a ningún partido político”. explica a xa ex portavoz de Podemos Nigrán.
Na Asemblea celebrada o pasado domingo 4 de xuño, o conxunto do espazo tomou a decisión de crear unha Plataforma Cidadá, conservando o espírito de Somos Nigrán e o seu nome. “Os obxectivos de Somos Nigrán non cambiaron, a intención segue sendo que se cumpran os dereitos da cidadanía de Nigrán, pero vendo a política desde outra perspectiva. Transformámonos nunha plataforma cidadá de carácter social, nun espazo horizontal, transversal e aberto”, manifestan.
Nas próximas semanas convocarán unha asemblea aberta na que se explicará á cidadanía como se vai desenrolar o espazo a partir de agora.

