Nigrán acolle a IV Semana da Diversidade Sexual

O Auditorio Municipal de Nigrán acolle este venres desde as 16:30 a IV Semana da Diversidade Sexual organizada pola Sociedade Galega de Sexoloxía “Abuso sexual na infancia e na adolescencia”. Queren analizar, reflexionar e debater sobre a normalización da cultura da violación, esa que minimiza as agresións sexuais e silencia os abusos sexuais a menores. Un abuso sexual a menores sempre vai supoñer un feito traumático, unha vulnerabilidade absoluta ante a filiación, o coidado e bondade das persoas, sobre todo se se dá no contexto familiar e próximo, pola quebra de referentes de seguridade; e como consecuencia, a aparición de sentimentos de culpa, humillación, vergoña e cuestionamento da dignidade persoal.

Da man de expertas nesta materia, abordaranse realidades coas que convivimos a diario, que se ocultan e/ou que se negan; relatos non expresados por temor a non ser cridos, falarase de como detectar o abuso sexual en menores; dos tipos de abuso (incluídos en liña); como afectan no desenvolvemento nervioso e psicosexual as experiencias temperás de abuso; como aprender a soster e converterse na base segura para as vítimas, facéndoas sentirse vistas e sentidas e, sobre todo, como previlo.

Dentro da programación farase un pase e entregaranse os premios ás curtametraxes gañadoras do I Concurso de Curtametraxes de Nigrán, que nesta ocasión serán sobre Abusos Sexuais; haberá unha mesa redonda coas relatoras María Lameiras Fernández (profesora da Universidade de Vigo), Bibiana Araujo López (Coordinadora Formación AMINO), Inma Araujo López (Psicóloga colaboradora de AMINO) e cinema a cargo do Cineclub Val Miñor Alice Guy.