O PP acusa a Carlos Gómez de mentir ao culpar á Xunta da perda dos 2,1 millóns para o casco histórico

FOTO: CONCELLO DE BAIONA // Praza do Pai Fernando.

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez, anunciou, tanto na presentación da súa candidatura á reelección como en diversos medios de comunicación, que Baiona lograra 2,1 millóns de fondos europeos para transformar o casco vello, “mentindo a todos os cidadáns cunha clara finalidade electoralista”, lamentan desde o Partido Popular.

“O Concello de Baiona recibiu o ano pasado nunha primeira convocatoria unha subvención de 2,1 millóns de euros destes fondos da Xunta para a humanización da contorna de Santa Liberata. As convocatorias da Xunta de fondos Next Generation foron abertas a todos os concellos a principios deste ano para unha segunda subvención. É responsabilidade do concello e do proxecto que este presente adecuarse aos criterios de valoración da Xunta fixados na estratexia de sustentabilidade turística en destino. Por tanto, pretender agora tapar as súas mentiras de campaña buscando culpabilizar á Xunta dando a entender que esta quere prexudicar a Baiona é unha nova mostra da desvergoña do aínda alcalde en funcións Carlos Gómez”, continúan os populares.

“Cabe lembrar que a día de hoxe unha parte importante desa primeira subvención que si foi outorgada non se desenvolveu. A famosa rehabilitación da contorna de Santa Liberata non se levou a cabo, non sabemos a que estaba a esperar o señor alcalde, quizais a que perdamos os fondos executados por culpa da falta de xestión. O único que prexudicou aos veciños de Baiona ao longo destes 4 anos e así o corroboraron nas eleccións municipais foi Carlos Gómez como alcalde e o tripartito que el dirixía”, conclúen desde o PP.