O PP propón deixar a un lado as ideoloxías e amósase aberto a un acordo con Manifesto Miñor e BNG

As eleccións do pasado 28 de maio deron ao Partido Popular 6 concelleiros na nova corporación municipal de Gondomar, con 971 votos máis que nas eleccións do ano 2019 o que supón un incremento do 56% do resultado das anteriores eleccións. Paula Bouzós agradece a todos os veciños que deron a súa confianza a unha candidatura “forte e sólida, que fixo unha campaña limpa e impecable, con respecto aos demais partidos e sobre todo ás persoas que formaban parte doutras candidaturas”. Un agradecemento que comparte coas 29 persoas que conformaron as listas do Partido Popular ao concello e á Entidade Local de Morgadáns.

Aproveita tamén para criticar “a campaña sucia” que fixo Paco Ferreira, “con mentiras e insultos persoais e chegando incluso a airear a vida íntima e persoal das persoas que formaban parte da candidatura do Partido Popular”. Desde o partido valoran moi positivamente os resultados que reflicten o traballo dos últimos catro anos, na defensa dos veciños e das parroquias, e apoiando e dando voz ás demandas trasladadas polos gondomareños.

“Agora só queda formar o vindeiro goberno municipal no pleno que se celebrará o 17 de xuño, pero ata o daquela os diferentes partidos teñen que decidir se queren seguir cun goberno municipal de Paco Ferreira, que gobernou de costas aos cidadáns, sen ser quen de levar adiante os temas máis importantes que afectan ao concello, Plan Xeral, saneamento, A Pasaxe, un goberno con falta de diálogo e consenso, ou pola contra queren cambiar o rumbo deste concello para os vindeiros catro anos cun goberno alternativo, con diálogo e capacitado para chegar a acordos e a consensos”, apuntan os populares.

Nestes días, Paula Bouzós falou con Antonio Araújo e Manuela Rodríguez, cabezas de lista de Manifesto Miñor e BNG respectivamente, e amosouse aberta a un diálogo, deixando atrás as ideoloxías de cada partido e poñendo en común os intereses dos veciños, “co fin de chegar a un consenso que evite que Gondomar siga padecendo un goberno liderado por Paco Ferreira”.