Baiona instalará unha caldeira de biomasa e paneis fotovoltaicos no Pavillón de Deportes

O Concello de Baiona instalará no Pavillón Municipal de Deportes unha caldeira de biomasa, un sistema pioneiro no municipio. A caldeira do Pavillón será a primeira instalación destas características que vai haber no municipio e ten un sistema de auga quente sanitario que pretende mellorar os servizos, á vez que se reduce o consumo enerxético e afórranse custos económicos. Tamén se procederá á instalación de paneis fotovoltaicos na cuberta do edificio.

Ademais, levarase a cabo outro investimento destinado á modernización e a mellora das redes de abastecemento municipal coa instalación dun equipo contador con emisor de pulso, equipo imprescindible para dixitalizar a rede de distribución de auga, que, polas súas características de flexibilidade en canto a número de entradas/saídas e capacidade de comunicación, permite abarcar un amplo número de casos de uso facendo o sistema, deste xeito, moi fácil de instalar e manter.

“Desde o goberno local fixemos fincapé na aposta polas enerxías renovables e menos contaminantes. Todos estes investimentos están destinados á mellora da eficiencia enerxética das infraestruturas municipais”, sinala, Carlos Gómez Prado.

A caldeira, os paneis fotovoltaicos e a instalación dun equipo contador con emisor de pulsos, poderá adquirirse grazas a unha subvención da Consellería de Economía, Emprego e Industria por un importe de 186.000 euros, o que supoñerá o 80% desta subministración, que permitirá aforrar ao redor dun corenta por cento de enerxía, polo combustible.