
O Concello de Baiona, a través da Concellería de Cultura, desvela a programación da Gala das Festas da Anunciada 2023 para a que están programados os concertos gratuítos de Ana Guerra, El Arrebato e Rosario Flores. A estas actuacións precederalle a posta en escena como teloneiros de distintos grupos de música locais. As festas patronais de Baiona celebraranse entre o 4 e o 7 de agosto, e o epicentro das actuacións será o Parque da Palma.
Desde o Concello de Baiona apostouse por unha programación para todos os públicos con artistas de proxección nacional e internacional aos que dará o pistoletazo de saída, o venres 4 de agosto, a actuación de Rosario Flores. Estará acompañada do grupo local “Seitura”, que a partir das 23:00 poñerá ritmo á primeira xornada das festas e ás 23:30 horas está previsto o concerto da filla de Lola Flores.
O sábado, día 5 de agosto, ás 22:30 horas “The Mirror” dará comezo ao concerto, no Parque da Palma. Ás 00:00 horas terá lugar a gran tirada de fogos de lucería e ás 00:30 horas será o concerto de Ana Guerra.
O domingo, día 6, a partir das 22:00 horas o grupo “La Patrulla” será o teloneiro de El Arrebato. As Festas da Anunciada 2023 alónganse un día máis, ata o luns día 7, coa actuación da orquestra Mar Azul.
“As Festas da Anunciada 2023 contarán cun gran programa de concertos, todos gratuítos, abarcando diversos estilos musicais, con grupos e cantantes de primeiro nivel, grandes estrelas da música. Desde o Concello tamén apóstase para que grupos musicais locais actúen como teloneiros destes artistas para que promocionen a súa música na súa Vila. Serán días intensos para gozar dunha ampla programación nas rúas”, sinala Carlos Gómez Prado.
Ao groso de nomes anunciados hoxe sumarase a programación completa dos días grandes de Baiona que se dará a coñecer nos próximos días. A Concellería de Cultura xa pechou o cartel e “recupera totalmente” a súa actividade festiva cunhas Festas da Anunciada nas que haberá catro días dunha programación “intensísima” e que encherán as rúas da vila de “música, festa e alegría”.