Baiona reparará a pasarela peonil de madeira na estrada de subida a Baíña

Tras as xestións realizadas polo equipo de goberno de Carlos Gómez Prado, a Deputación de Pontevedra sacou a licitación as obras de reparación da pasarela de madeira situada na EP-2201 Baiona-Baíña-As Fontes, a estrada de subida á parroquia de Baíña próxima á urbanización “Almirante Fontán”, un total de 104 metros de lonxitude, onde é necesario realizar a reparación da pasarela peonil existente mediante a desmontaxe e substitución das vigas de madeira existentes, desmontaxe e substitución da tarima de madeira e reparación da estrutura metálica. Desde o Concello de Baiona veñen insistindo no mal estado da infraestrutura que transcorre na estrada provincial para que o ente leve a cabo os traballos oportunos. Tras as constantes comunicacións e solicitudes, a Deputación Provincial de Pontevedra levará a cabo as obras de renovación. En concreto, as obras de mellora consisten na reparación dos elementos danados da estrutura de madeira laminada portante da pasarela, e no reforzo dos seus pontóns, achegando novo material nos puntos onde é necesario.

Substituiranse as vigas de madeira (durmintes) compostas por madeira maciza de pino norte con tratamento autoclave certificado para clase de uso IV segundo CTE, de escuadría similar á existente e protección da humidade mediante verteaugas de aluminio superior. Procederase á desmontaxe e reposición da superficie de tarima de madeira de pino, mediante a instalación de novas tarimas de madeira de pino norte de sección 145×45 cm, con tratamento en autoclave mediante método Bethell para clase de uso IV segundo CTE y UNE-EN 335, con tornillería de aceiro inoxidable AISI-304 e tratamento antideslizante clase III certificado por laboratorio independente. Incluída a parte proporcional de medios auxiliares, de elevación, tornillería e aporte de pequeno material. Finalmente, repararanse os elementos metálicos existentes da estrutura metálica mediante a decapaxe, capa de protección para exposición tipo C5-M (Ambiente mariño) e repintado con pintura adecuada para ambiente mariño, así como o galvanizado en frío das soldaduras.