O festival Vive Nigrán organiza unha xornada de recollida de residuos

O festival Vive Nigrán, a través da súa iniciativa Vive Sostible, convoca unha xornada de recollida de residuos en Praia América coa colaboración do Concello de Nigrán, o vindeiro domingo 4 de xuño. A xornada de recollida arrancará ás 11:30 da mañá. As persoas interesadas en participar nesta actividade poden inscribirse enviando un correo electrónico a oficinaturismo@nigran.org. O prazo para as inscricións está aberto e finalizará o vindeiro venres 2 de xuño ás 14:00 horas. O punto de encontro para os participantes será a escultura de BALMI (cedida por Vive Nigrán), xunto ao recinto do festival (Monte Lourido).

A sétima edición do Festival Vive Nigrán continuará impulsando accións vinculadas coa sustentabilidade e a protección da contorna dentro da súa iniciativa Vive Sostible. Desde o seu inicio, a organización de Vive Nigrán, tivo presente a necesidade de actuar con respecto ante a riqueza ambiental da contorna na que se desenvolve o festival. Medidas como proporcionar vasos biodegradables, a instalación dun xerador fotovoltaico, garantir a seguridade na zona dunar e actividades para os máis pequenos con obradoiros de reciclaxe así o testemuñan en anos anteriores.

Seguindo os obxectivos incluídos na Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, Concello e organización quixeron incrementar o seu compromiso programando actividades que poidan servir para concienciar á sociedade, por unha banda, sobre a necesidade de reciclar, a importancia da conservación do mar e as súas especies e por outra banda para converter as nosas praias en espazos libres de plásticos. O festival sumouse ao Pacto Cultura Sustentable para reforzar o seu compromiso por ofrecer un evento máis respectuoso co medio ambiente.

O festival Vive Nigrán celebrará a súa sétima edición os días 30 de xuño e 1 de xullo, con Los Enemigos, Ojete Calor, Nada Surf, Morgan, Javiera Mena, Samantha Hudson, The Rapants ou Morreo no cartel. Fiel ao seu espírito, Vive Nigrán situarase de novo a escasos metros de Praia América, un escenario incomparable a pé de praia no campo de fútbol de Monte Lourido.

O festival conta co apoio do Concello de Nigrán e a Deputación de Pontevedra, a través da súa marca “Rías Baixas Fest” e da Xunta de Galicia, a través de “FEST Galicia”, e en 2023 volve ter unha vez máis o apoio de Vibra Mahou e Gadis.