Catro anos despois, Alberto Meira regresaba á proba de casa, o Rallye Rías Baixas, segunda cita puntuable da Copa de España de Rallyes de Asfalto, sendo a primeira vez desde 2015 que estaba presente nunha proba dun certame nacional. Facíao, como non podía ser doutra forma, aos mandos do Skoda Fabia R5 e Avelino Martínez á súa dereita.
Fronte a unha feroz competencia, o piloto gondomarense non se amedrentou, e nin sequera unha lixeira saída de estrada no shakedown cando trataba de facerse co mellor crono trastornou a súa confianza. Cunha meteoroloxía cambiante para a primeira xornada, Meira equivocábase na elección de pneumáticos para a sección inaugural, situándose terceiro, pero xa no último tramo do día, a segunda pasada por Ponte Caldelas, un gran crono deixáballe na segunda praza da xeral.
Con condicións máis benevolentes o sábado, Meira afianzábase na segunda posición, sen ceder demasiado terreo respecto ao líder e mantendo en certo xeito a presión. Con todo, as posicións permanecerían invariables ata o parque pechado final, polo que o equipo AMF Motorsport levaba un grato recordo e unha valiosa experiencia da cita olívica.
Meira falaba así sobre a súa actuación: “Creo que fixemos un bo rallye, salvo o erro do shakedown que afortunadamente non tivo danos graves para o coche, logramos un bo ritmo co que superar aos rivais que pelexan por este certame, e ademais chegamos cos deberes feitos para a cuarta cita do Campionato Galego en Pontevedra, a próxima semana. Quero agradecer a Víctor Senra o seu apoio para poder estar na saída deste Rías Baixas, ademais de a todos os meus patrocinadores”.
O Rallye de Pontevedra xa está ao virar a esquina, onde Meira reencontrarase cos seus rivais polo título autonómico e o Supercampionato Galego R5, os próximos 2 e 3 de xuño con epicentro na localidade de Sanxenxo.

