“Cohete” Suárez domina o “Rías” de principio a fin

Deixou claras as súas intencións no tramo cronometrado de clasificación, onde xa lle sacou dez segundos ao segundo clasificado, levantouse ao liderado da xeral provisional no TC1 Barciademera-Fornelos e xa non se baixou del en todo o rallye. Jose Antonio “Cohete” Suárez inscribiu o seu nome como gañador do 56º Rallye Recalvi Rías Baixas tras lograr o mellor tempo en dez dos once tramos cronometrados. O único que se lle resistiu foi a segunda pasada a Ponte Caldelas onde foi Álvaro Muñiz o que levou o scratch.

O campión do Supercampionato de España de rallyes de 2021 impuxo un ritmo altísimo durante toda a proba e concluíu con 1 minuto e 3 segundos de vantaxe sobre o segundo clasificado, o piloto do Skoda Fabia R5 Alberto Meira. O equipo de Vincios empregouse a fondo en cada un dos tramos e defendeu con autoridade a segunda posición á que levantou o venres pero foi incapaz de dar caza ao Skoda Fabia RS Rally2 de “Cohete” Suárez.

Por detrás de Meira, en terceira posición e a 1.38 do líder concluíu Jorge Cagiao. A presenza de choiva non presaxiaba un bo rallye para el, polas características do seu Alpine A110, pero o do Recalvi Team soubo adaptarse ás circunstancias e levou o bronce. Un debido a que lle permite sumar importantes puntos para o seu obxectivo de facerse co título de campión da Copa de España de Rallyes de Asfalto, CERA Recalvi.

Cos tres postos de cabeza practicamente decididos desde o venres, a loita centrouse en saber quen ía a ocupar a cuarta e a quinta posición. E nesa “pelexa” mantivéronse durante o primeiro bucle do sábado, Álvaro Muñiz e Óscar Palacio. O gañador do Rallye do Cocido comezou a xornada por diante de Palacio, pero nos dous primeiros tramos do día (Vigo-Nigrán e Gondomar-Porriño) o piloto asturiano foi máis rápido e levantouse á cuarta posición con dous segundos de vantaxe. Pouco lle durou con todo a alegría. Unha avaría no seu Ford Fiesta R5 MkII tras unha saída de estrada na especial de Salceda levoulle ao abandono, incidente do que se beneficiou o piloto do Yacar Racing que puido manterse nese posto ata o final.

Esa circunstancia favoreceu tamén ao piloto de Salceda Jorge Pérez Oliveira que se colocou quinto da xeral antes da disputa dos tramos da tarde; posición que puido defender sen problemas xa que a súa vantaxe sobre Unai de la Dehesa era xa de case un minuto e medio. Jorge Pérez/Miriam Vera aos mandos do Suzuki Swift Sport R+ N5 acabaron o rallye a 1.46 de Muñiz e con ese minuto e medio de vantaxe sobre Unai que ocupou a sexta posición. Sétimo da xeral foi Alejandro Martín; na oitava posición finalizou Carlos Rodríguez mentres que Juan Carlos Fernández e Juan Manuel Maña pecharon o top ten.

O piloto da Escuadra Lalín-Deza Adrián Costas, que concluíu a etapa do venres nunha meritoria sexta posición, viuse relegado ao décimo cuarto posto final, por unha saída de estrada no TC 5 Vigo-Nigrán que lle fixo perder moito tempo e que apenas puido recortar nos seguintes tramos.

No Trofeo Galicia Historic, Fernando Rico logrou defender o liderado ao que se levantou na primeira xornada aínda que tivo que empregarse a fondo xa que Fermín Sousa e Pablo Pazó, que foi de menos a máis no rallye, estiveron moi preto del. Ao final, Rico levou o triunfo por 14 segundos de vantaxe sobre Sousa e 33 sobre Pazó. Sousa se puido festexar o triunfo no Criterium Recalvi, onde o piloto vigués Pablo Pazó foi segundo.

Na Clio Trophy Spain, impúxose Alejandro Martín tras manter unha bonita loita con Carlos Rodríguez e Juan Carlos Fernández. No Desafío Kumho Asfalto gañou Jose Miguel Figueiras mentres que na Dacia Sandero impúxose Hugo Rodríguez tras arrebatarlle o primeiro posto provisional do venres a Tomás Llinares que se tivo que conformar coa segunda posición. No II Rallye Solo Renault Group, onde puntuaron todos os equipos da marca do rombo que competiron no “Rías”, impúxose Jorge Cagiao. O segundo posto foi para Unai de la Dehesa e o terceiro para Alejandro Martín.