
Carlos Gómez Prado pide a Baiona “que este domingo vote e apoie o noso proxecto progresista e de futuro, é importante unha mobilización masiva do voto progresista, a nosa vila non pode regresar ao pasado e á parálise absoluta”. Os socialistas de Baiona celebran esta tarde o seu peche de campaña, cun acto festivo na Praza do Concello coa actuación do grupo La Patrulla e actividades para os nenos.
“Prometemos unha campaña limpa e así o fixemos, fronte aos que fixeron todo o contrario, facendo da súa estratexia electoral os ataques persoais cara min, danando ademais a imaxe da nosa vila”, asegura. Gómez Prado agradece “o recoñecemento ao traballo feito, o interese e as propostas dos veciños e veciñas nesta campaña, onde fixemos un repaso dos últimos anos e falamos de futuro, de proxectos que xa temos moi encamiñados para Baiona”.
“Nestes catro anos, Baiona recuperou o seu sitio e os datos así o reflicten, cun sector servizos forte, récords de ocupación, obras, proxectos e un paraugas social inédito; a nosa vila recuperou a súa vida”, engade. “O domingo, os veciños e veciñas teñen a oportunidade de elixir entre o noso proxecto social e cheo de oportunidades para Baiona, ou regresar a tempos pasados”, remata Carlos Gómez Prado.