Juan González pide o voto maioritario da veciñanza de Nigrán “para un próximo goberno con novos retos ilusionantes”

O alcalde e candidato socialista ás eleccións municipais, Juan González, pechou esta noite a campaña nun Auditorio Municipal de Nigrán ateigado de xente pedindo o voto á veciñanza “para un próximo goberno con novos retos ilusionantes”. Os socialistas agardaron ata última hora da tarde para finalmente trasladar o acto previsto na Alameda da Ramallosa a este recinto pechado para evitar a choiva, sen embargo, o espazo quedou moi pequeno para a masiva afluencia.

Entre os novos retos González destacou a creación dun novo Auditorio Municipal e un Pavillón Deportivo, ambos en Porto do Molle, como complemento das actuais instalacións ao resultar manifestamente insuficientes e construídos cos cartos que o Concello recibiu de Zona Franca en concepto de aproveitamento do parque empresarial e que deben reverter no mesmo. “O Pavillón serviría tamén para o alumnado do IES Val Miñor, que carece del e debe desprazarse ata Panxón en autobús, e o Auditorio daría cabida a eventos de gran afluencia sen os problemas do actual, que se queda pequeno”. A maiores, destacou tamén como “reto ilusionante” a construción dun centro social polivalente en Vilariño, para o que prevé un investimento de 600.000 €.

“A oposición critica que empreguemos os cartos do remanente e nós nos reafirmamos en reverter estes cartos no benestar da veciñanza sen comprometer as arcas municipais porque temos un gran superávit. Ser un Concello con superávit non vale de nada se os cartos aforrados non repercuten nunha mellora da calidade de vida da veciñanza, o noso deber é xestionar de xeito responsable, non acumular por acumular, debe haber un equilibrio”, salienta o actual rexedor, quen destaca que na entrada ao goberno no 2015 o Concello tiña un remanente de 3.018.217 € e 1.245.000 € en débedas e a día de hoxe non ten nin un só empréstito (liquidáronse no 2018) e o remanente acumulado é de 10.784.138,43 €.

Por outra banda, non como reto, senón como realidade xa, avanzou ao público asistente a aprobación provisional do PXOM nun prazo que non debería superar os 3 meses ao ter todos os informes sectoriais xa favorables e ter remitido o 5 de maio a memoria ambiental que supón o paso previo a poder aprobalo provisionalmente. “Non foi fácil, cada informe tivo que ser pelexado duramente, pero ao fin estamos aquí, no momento final, o da súa aprobación provisional de cara xa á definitiva”, sintetiza. No campo das “realidades e non das promesas” situou tamén a chegada da fibra ao 100 % dos fogares ao ter iniciado este mes os traballos para levala a todas aquelas zonas onde non está previsto que chegue ningunha teleoperadora, acción que se conseguiu tras chegar a un acordo coa empresa galega Rede Aberta, a quen se lle permite o uso compartido da liña eléctrica e a instalación dun nodo de distribución no parking municipal da Ramallosa a cambio de cubrir o 100% do territorio.

“Están a piques de florecer auténticos fitos transformadores de Nigrán froito de anos de xestión e compromiso firme deste goberno: o parque forestal Os Matos-Río Táboas, os bosques-escola de Camos e Vilariño, a repatriación do mosaico romano de Panxón, a escavación completa do castro de Chandebrito, o muíño de Porto do Molle totalmente rehabilitado e en uso, o ambulatorio de Panxón como local social para maiores e mocidade, as sendas peonís de Parada e Camos, Otero Pedrayo e Mestra Emérita humanizadas… Accións que levan moito más tempo de xestión do que quixéramos pero que nos permiten soñar e seguir establecendo novos retos para os que precisamos o respaldo maioritario da veciñanza”.

“Somos conscientes de que quedan moitas cousas por facer en cada parroquia e estamos desexando levalas adiante. Temos un proxecto en marcha desde 2015 que non se pode parar. Estes anos de bagaxe deixan clara unha forma de xestionar próxima, accesible e amable: poñemos o corazón en todo o que facemos e por iso pedimos unha ampla maioría para seguir gobernando”, finalizou entre os aplausos dos asistentes.