
A candidatura de Esquerda Unida en Nigrán finalizou este venres a súa campaña electoral, valorándoa positivamente pola acollida que tiveron entre a veciñanza as súas propostas, especialmente no referente á necesidade dun control eficaz do goberno. Propostas, todas elas coherentes, posibles e viables.
Dita campaña consistiu en pequenas reunións coa veciñanza durante as cales se explicaba o programa e un acto central de presentación da candidatura e do programa, celebrado o martes 16 ao que acudiron máis de 80 persoas.
“Nesta campaña electoral percibimos que a veciñanza quere un goberno eficaz que cumpra o que promete e unha oposición crítica e construtiva na próxima corporación e que a veciñanza cree que a nosa candidatura, pola súa experiencia, no concello, é a mellor opción para desenvolver este papel”, declara José Cuevas, candidato número 1 da candidatura.