
Carlos Gómez Prado asegura que o Concello de Baiona pechou o ano 2022 cun remanente de tesourería de 1.650.530,06 euros, “o que demostra a boa xestión económica realizada”. Por outra parte, “o pleno de hoxe convocouse por un trámite do PERTE da auga”, explica, “xa que o Ministerio notificounos a esixencia de que os proxectos que se presenten teñan o visto bo do pleno municipal”. De feito, a sesión aprobou por unanimidade a solicitude do PERTE.
“Lamento as mentiras do PP sobre temas que calquera veciño pode comprobar, xa que toda a documentación é pública”, sostén Gómez Prado. “Saben perfectamente cal era o motivo da convocatoria do pleno, pero onte decidiron mentir pola proximidade das eleccións”, engade.
“O PP fala tamén de facturas que van ao pleno como se houbera algo oculto, cando as facturas que se aproban en todos os plenos, non só no de hoxe, corresponden a gastos ordinarios de calquera concello, como a enerxía e outros servizos e subministros municipais; está a información a disposición de calquera veciño”, engade.
PERTE
O Concello está pendente dun proxecto para a mellora da eficiencia e a modernización dos seus sistemas de abastecemento e saneamento, presentado ás axudas do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PERTE de dixitalización do ciclo de auga) do Goberno, por un importe total de 2.103.848,22 euros.
O proxecto que motivou o pleno de hoxe opta a fondos europeos para impulsar a dixitalización e sensorización da rede de Baiona coa instalación de equipos tecnolóxicos de última xeración, que permitirán un control exhaustivo dispoñendo de información precisa en tempo real do estado da auga e das infraestruturas, mellorando a eficiencia enerxética, a redución de perdas de auga, a información dos usuarios sobre o seu subministro e un adecuado control dos verteduras.