Trece residentes finalizan a súa formación en Ribera Povisa, que dá a benvida a 16 novos MIR

O hospital Ribera Povisa celebrou este xoves un acto oficial para despedir aos 13 residentes que finalizaron a súa formación MIR no hospital e, ao mesmo tempo, dar a benvida aos 16 que se incorporan. Os trece médicos residentes que culminaron a súa residencia formáronse nas especialidades de Anestesioloxía e Reanimación, Cirurxía Xeral e do Aparello Dixestivo, Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía, Medicina Interna, Radiodiagnóstico e Medicina Familiar e Comunitaria.

A eses servizos incorporaranse, así mesmo, 16 novos residentes que tamén foron convidados á cerimonia deste xoves, á que asistiron os xefes de servizo e os titores que se farán cargo da súa formación nos próximos anos. Os servizos de Anestesioloxía e Cirurxía Xeral contarán cun residente, mentres que a Medicina Interna, Radioloxía e Cirurxía Ortopédica incorpóranse dous. Outros oito residentes formaranse en Medicina Familiar e Comunitaria, especialidade na que se adxudicaron as 12 prazas ofertadas. Dos catro restantes, un renunciou á praza e outros tres solicitaron unha prórroga para incorporarse máis tarde á formación.

O acto de despedida estivo presidido polo xerente do hospital, José David Zafrilla, xunto á directora asistencial, Sonsoles Leal, e o presidente da Comisión de Docencia, Javier de la Fuente, quen recoñeceu a evolución e o enorme potencial do grupo de residentes que finalizaron o seu período formativo, boa parte do cal se desenvolveu durante a pandemia de Covid. Tamén interveu na cerimonia Alberto Fernández Villar, xefe do servizo de Pneumoloxía do hospital Álvaro Cunqueiro.

Dentro do plan de aposta pola excelencia na calidade asistencial ofrecida ao paciente, a formación é estratéxica para Ribera Povisa, sendo na actualidade o único hospital privado de Galicia, e dos poucos de España, que conta con formación MIR, á que se suma a formación no grao de Enfermería e titulacións de FP medio e superior.