Planificar o estudo e realizar exercicios de relaxación, claves para evitar ataques de ansiedade ante os exames

“O temor á avaliación negativa é, en certa medida, algo natural, pero convértese nun problema cando nos afecta de tal forma que nos bloquea e xéranos altos niveis de ansiedade”. Así explica Cristina Fanjul, psicóloga do hospital Ribera Povisa, a fina liña que separa a tensión e presión normais que senten os estudantes ante os exames do final de curso e a perda do control dos nervios ou ataques de ansiedade que en ocasións poden sufrir.

A ansiedade é unha reacción normal das persoas ante situacións que non se controlan e que se pode manifestar de tres formas: fisiolóxica, motora e cognitiva. A primeira inclúe dores de cabeza ou estómago, sudoración de mans, sensación de afogo, mareo… A ansiedade motora maniféstase a través de movementos constantes de mans e pernas, mentres que a cognitiva é a que nos impide concentrarnos e tomar decisións. “É a máis poderosa porque é capaz de activar ás outras dúas”, explica a especialista.

Ante os exames, é frecuente que un estudante mostre algún ou algúns destes síntomas, pero non son preocupantes a non ser que cheguen a limitar a súa vida normal. Con todo, cando se experimentan con moita intensidade e sen control, é conveniente acudir a un especialista, que axudará ao paciente a adquirir habilidades e estratexias para afrontar estas situacións. “Para os estudantes, unha avaliación negativa ten implicacións moi importantes xa que desa nota derivan moitas outras consecuencias como o poder seguir estudando, elixir a carreira, acceso a bolsas, cursos ou un emprego público”, lembra.

“Quedar en branco, por exemplo, ocorre cando os niveis de ansiedade son tan elevados que non sabemos xestionalos. Non ocorren só ante un exame, senón ante calquera situación que nos poida desbordar”, subliña Fanjul. A psicóloga tamén dá as claves para detectar un ataque de ansiedade, cuxos síntomas son a sensación de falta de aire, palpitacións, a sensación de que se vai a perder o control, mareo ou ganas de chorar. “Son un cúmulo de sensacións desagradables que, como non sabemos recoñecer, desconcértannos aínda máis e fan que a ansiedade siga aumentando. De aí que moita xente acuda a Urxencias cun ataque de ansiedade pensando que está a sufrir un infarto, por exemplo”, aclara.

Para evitar estes ataques de ansiedade, Fanjul recomenda aprender e practicar exercicios de relaxación progresiva e respiración abdominal, así como planificar o estudo de forma realista, obxectiva e flexible. Isto último inclúe descansos, establecer rutinas de soño (7-8 horas) e de alimentación, realizar actividade física -porque é saudable e favorece a concentración e o descanso-; evitar as bebidas enerxéticas e con cafeína; e coidar a hixiene postural.