Obradoiro de cociña infantil gratuíto no Mercado de Baiona

Os nenos e nenas de Baiona aprenderán a coñecer novas receitas coa campaña “Quere o teu mercado”, unha iniciativa que busca dinamizar os mercados e prazas de abastos, enchéndoos de actividade e de vida e fomentando o consumo de produtos locais entre a veciñanza. A través desta campaña, o Concello organiza un obradoiro de cociña infantil para cativos e cativas a partir dos 5 anos o vindeiro sábado 3 de xuño, unha actividade que terá lugar de 11:30 a 13:00 horas na Praza de Abastos de Baiona.

Desde o Concello de Baiona anímase a todos os pais e nais do concello a que vaian cos seus fillos e fillas a compartir unha mañá diferente na que aprenderán a preparar divertidos pratos e a gozar da cociña. As inscricións son gratuítas. Para participar é necesaria a inscrición no correo electrónico concelleria.mercado@baiona.gal. Os nenos e nenas participantes elaborarán (e degustarán) un menú saudable con produtos que poden atoparse na Praza de Abastos Municipal de Baiona.

Esta iniciativa desenvólvese ao arredor do 27 de maio, Día do Mercado, e que en Galicia está promovida pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Xunta en colaboración cos concellos. Como o día 27 de maio é xornada de reflexión, aprázase dita celebración para o día 3 de xuño. O obxectivo da campaña é levar a cabo unha actividade e conseguir así, dinamizar a Praza de Abastos.