Carlos Gómez destaca que Baiona captou 8,7 millóns de euros de fondos europeos

O paseo Pinzón, a obra que está a poñer en valor o balcón litoral de Baiona, é o símbolo da gran transformación da vila do turismo, da historia e da natureza. Así o afirmou o alcalde e candidato á reelección, Carlos Gómez, durante a visita que efectuou a presidenta do PSdeG e da Deputación, Carmela Silva.

A actuación, valorada en máis de 830.000 euros, foi financiada pola Administración provincial. Unha Deputación que investiu 13 millóns de euros en Baiona dende que Carmela Silva é presidenta “porque esta Deputación inviste en tódolos concellos da provincia e Baiona demostrou un especial talento presentando proxectos de gran calidade a tódolos plans extraordinarios de obras, como o actual ReacPon, que, como sempre facemos, adxudícanse en concorrencia competitiva, é dicir aos mellores”.

Carlos Gómez destacou que estes últimos catro anos sentaron as bases da “transformación definitiva dunha vila que estaba en claro retroceso tras 15 anos de gobernos conservadores”. “Baiona recuperou o seu espazo non só coa transformación do seu urbanismo, que agora aposta por espazos de convivencia amable, senón tamén co apoio decidido ao sector servizos antes, durante e despois da pandemia”. “Creo que estivemos á altura das circunstancias, pero sabemos que queda moito traballo por facer porque nós non nos presentamos pensando só no presente, senón no futuro”, resumiu.

O alcalde subliñou o esforzo de planificación que se ten traducido xa na obtención de 8,7 millóns de euros que están empezando a chegar e recalcou que trátase dunha cifra equivalente a un orzamento anual “polo que podemos dicir que xestionamos en catro anos cinco orzamentos”. Un logro, engadiu, que vai verse moi claramente no próximo mandato a medida que os proxectos alimentados polos Next Generation vaian materializándose.

Carmela Silva afirmou que Baiona “cambiou moito e para ben nestes catro últimos anos con Carlos Gómez á fronte”. “Carlos ten un plan para Baiona e, ademais, é moi consciente de que o enorme potencial turístico de Baiona debe canalizarse a través dunha aposta decidida e absoluta polo turismo sostible, creando espazos para as persoas que nos visitan, pero tamén para que a veciñanza teña a mellor calidade de vida”.

A presidenta amosouse “absolutamente feliz” de comprobar o avance nas obras dun paseo “dunha inmensa calidade, que sería a envexa de calquera cidade do mundo”. Unha obra, engadiu, deseñada de acordo coa filosofía Ágora aprobada pola Deputación. “Un acerto total”. Ademais aplaudiu a aposta pola atención constante ás parroquias “en contraste con tantos e tantos alcaldes e alcaldesas do PP que só pensan no centro urbano”.