
Viveiro namorou como capital estatal do ciclismo adaptado. O Campionato de España Paralímpico de estrada ofreceu tres días inesquecibles na Mariña Lucense, con participantes de moito nivel, fermosas paisaxes, esixentes percorridos e éxitos da Selección de Galicia. O combinado autonómico conquistou catro medallas de ouro nas handbikes, por medio de Mila López e de Iván Montero, e dúas de prata con Damián Ramos na bicicleta adaptada.
O programa do evento organizado polo Club Ciclista Viveiro subiu o pano o pasado venres cunha carreira de exhibición e o sábado empezáronse a poñer títulos en xogo na xornada reservada ás probas de contrarreloxo individual. Nun percorrido de 5 quilómetros tan duro, con constantes costas e descenso, como fermoso, ao rodar os paraciclistas a carón da costa, Iván Montero revalidou a súa coroa en MH5. O handbiker de Arteixo deu tres voltas ao circuíto en 36 minutos e 51 segundos. Pola súa banda, Mila López emulou en WH4 ao seu compañeiro de selección e de equipo no Neuroimpulse Galicia. A baionesa superou con claridade e cun tempo de 38’23” á madrileña María Matilla logo de completar dúas veces o trazado vivariense.
Carreiras de fondo
Ao día seguinte, o domingo, a capital da Mariña Occidental despediu o seu Campionato de España cunha xornada épica nas carreiras de fondo. Choveu durante as probas das handbikes no circuíto de 21,2 km con saída e chegada na praia Area. As dúas voltas ao itinerario que transcorría por Viveiro e Xove finalizounas o arteixán Iván Montero mentres caía auga con intensidade e retendo o título acadado no 2022 en Valencia. Circulando ao redor da costa, neste caso afrontando unha volta ao percorrido, tamén repetiu “dobrete” Mila López. A corredora de Baiona volveu dominar con autoridade por diante de María Matilla.