
O alcalde socialista de Nigrán e candidato á reelección, Juan González, defende a xestión responsable e eficiente das arcas municipais con cifras incuestionables: na entrada ao goberno no 2015 o Concello tiña un remanente de 3.018.217 € e 1.245.000 € en débedas e a día de hoxe o Concello non ten nin un só empréstito (liquidáronse no 2018) e o remanente acumulado nestes anos a día de hoxe (19.05.23) é de 10.784.138,43 €. En resumen: durante 8 anos o goberno socialista de Nigrán realizou centos de investimentos para a mellora do municipio ao tempo que aforraba 7.765.921 € sen subir nin un só imposto ou taxa (ao contrario, baixando ao 95 % o IBI de entidades socioculturais ou bonificando o rodaxe a vehículos eléctricos).
“Somos un exemplo de xestión económica eficaz e responsable. A oposición critica que empreguemos os cartos do remanente e nós nos reafirmamos en reverter estes cartos no benestar da veciñanza sen comprometer as arcas municipais porque somos un Concello con superávit, destes aforros saíron investimentos tan importantes como as axudas a entidades socioculturais, as comunidades de augas, a creación da escola de música, as humanizacións como Otero Pedrayo, a cociña escolar municipal no CEIP Humberto Juanes, os bancos de libros, axudas a cemiterios…”, defende. “Ser un Concello rico non vale de nada se os cartos aforrados non repercuten nunha mellora da calidade de vida da veciñanza, o noso deber é xestionar de xeito responsable, non acumular por acumular, debe haber un equilibrio”, enfatiza o actual rexedor.
“En campaña non vale todo para gañar votos, eu non entro neses xogos, levamos gobernando 8 anos coas contas correctamente supervisadas ano a ano desde a Consellería de Economía e Facenda do Estado sen terse aberto nunca nin un só expediente de investigación como sería pertinente en caso de existir dúbidas”, reafirma. “O Interventor municipal de Nigrán realiza o seu traballo escrupulosamente, como debe de ser, e ten informado como corresponde ao Tribunal de Contas do Estado de todos os exercicios e o resultado é que o propio 23 de novembro pasado, na derradeira revisión, este Tribunal comunicou oficialmente que, tras o informe recibido de Intervención, o pecha “no apreciándose menoscabo en fondos públicos” e fai constar expresamente “que en todos los contratos obtuvieron las prestaciones que fueron abonadas, que no existen duplicidades de pago y que de su ejecución no se ha derivado ningún perjuicio para los fondos públicos” (cita literal).
“Seguiremos xestionando de xeito eficaz e responsable, investindo na calidade de vida da nosa veciñanza ao tempo que garantimos a estabilidade orzamentaria”, reafirma González.