Sin categoría

“A Cidade do Átomo” de Iria Misa gañadora na XIX Edición do premio Frei Martín Sarmiento

A novela da baionesa Iria Misa “A Cidade do Átomo” (Xerais, 2021) vén de recibir o premio Frei Martín Sarmiento na súa 4ª Categoría (1º e 2º ESO). O fallo deuse a coñecer no acto de entrega do galardón en Santiago de Compostela a pasada semana.

O recoñecemento coincide coa recente publicación da súa última novela, “Unha veciña de Película” (Xerais, 2023), dirixida ao público infantil. A obra presentouse este xoves en Cans, dentro da sección Lendocine do festival, nun coloquio xunto con outras autoras e autores de libros relacionados co mundo audiovisual. “Quixen presentar esta obra nun sitio tan icónico como Cans porque é unha novela que xira o redor do cine. Non había sitio mellor”, engade Iria.

Esta fin de semana a autora viaxa a Madrid para presentar, da man da editorial Dos Bigotes, a tradución da súa novela “Mamá, quero ser Ziggy Stardust” (Xerais, 2018). “É un orgullo que unha editorial da capital se animase a traducir esta novela tan querida por min, ilusióname presentala a un público novo”. Afirma a escritora. A tradución desta obra, que en galego leva 7 edicións e máis de 10.000 exemplares vendidos, tamén levará a Iria a Asturias: en xuño ten comprometidos varios coles e unha presentación na Casa da Cultura do Concejo de Mieres.