O PP de Baiona lamenta que o alcalde, o socialista Carlos Gómez, utilice a “demagoxia” nos medios de comunicación cun asunto tan sensible como o dos servizos sociais e dea a entender que é o Concello o que paga integramente o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) “cando ata o de agora, e ao longo de todos estes anos, a maior porcentaxe de diñeiro póñeno a Xunta e os usuarios”. “De feito, en 2022 o goberno local só pagou 5.167 euros, un 1,12% do custo total do servizo que é o que corresponde aos concellos. A Xunta sufragou 377.311 euros, un 81,36 por cento, e as familias usuarias 81.250 euros, o 17,52 por cento restante”.
Pero, ademais, desde o PP baionés lembran ao PSdeG que os orzamentos para o 2022, aprobados unicamente cos seus votos a favor e os dos seus socios de goberno (BNG-NOS), recollían un recorte na área de Benestar Social do 50 por cento en emerxencia social respecto ao ano anterior. “Este foi un dos motivos polos que o grupo municipal popular votou en contra destas contas, porque nun momento económico complicado para as familias o diñeiro destinado á súa atención pasaba de 40.000 euros a 20.000 euros. Un dato que os veciños poden comprobar obxectivamente na páxina web do Concello de Baiona”.
“E revisando as contas municipais tamén poden comprobar que o alcalde, por primeira vez en máis de dúas décadas, eliminou fai xa tres anos a axuda económica de 3.000 euros en alimentos á ONG Ayuda al Mundo Necesitado. Trátase dunha entidade que traballa dunha forma altruísta desde fai tres décadas con familias vulnerables de Baiona, precisamente este mes de novembro cumpren o 30 aniversario, e que cada Nadal recibía do Concello produtos por valor desta cantidade nun supermercado local. Esta única achega anual permitía que decenas de familias tivesen comida especial na mesa nesas datas”, lembran desde o PP.
Por tanto, din os populares, “non sabemos de que presume este alcalde, que lle quita o diñeiro aos máis necesitados para utilizalo noutros asuntos non prioritarios como propaganda, autobombo e asesores. De feito, o ano pasado triplicaron o gasto previsto en publicidade, pasando dos 34.000 euros recollidos nos orzamentos aos 93.000 euros que malgastaron ao acabar o ano. Un diñeiro que sacaron recortando, entre outras, a partida de Benestar Social”.

