O Partido Popular de Gondomar desminte as afirmacións feitas por Paco Ferreira sobre o local social de Prado na parroquia de Morgadáns. Tras a noticia publicada nos medios, o alcalde, a través das redes sociais, acusa ao Partido Popular de ser os responsables de que se ordenase o derribo do local, “cando foi o seu goberno quen asinou en xuño do ano pasado a licencia de derrube que foi tratada en comisión de goberno á semana seguinte da súa firma”. Do mesmo xeito, Paco Ferreira acusou á Xunta de Galicia de retrasar os trámites ao demorar o permiso de patrimonio, “pero evita dicir que foi tres anos despois de afirmar que estaba todo ben cando fixo a solicitude ante o organismo autonómico”.
“Na campaña electoral do ano 2019 o alcalde afirmou que estaba todo ok e que co Plan Xeral ía quedar todo arranxado, sen embargo os trámites non os comezou ata que os veciños se puxeron en pé de guerra e foron a protestar ao Concello. Catro anos máis tarde os feitos veñen a darnos a razón, xa que o feito de redactar un Plan Especial de Dotación e Instalación xa o dixemos nós daquela”, afirma a candidata do Partido Popular de Gondomar.
Paula Bouzós afirma que se alegra de que tanto a Entidade Local de Morgadáns como o Concello de Gondomar se activen novamente para dar os pasos necesarios para evitar o derrube do local, pero agarda que non quede outra vez en promesas electorais, volvendo a enganar aos veciños e tendo que agardar outros catro anos. “Por suposto que non vamos agardar outros catro anos, o noso compromiso sempre foi claro, e aseguro que en canto tomemos posesión do cargo levaremos a cabo todo o necesario para dotar de seguridade xurídica e urbanística ao local social de Prado”, afirma Paula Bouzós.

