O escritor nigranés Fran Fernández Davila gaña o certame de poesía Rosalía de Castro. A súa obra “Konpostela” é a gañadora da IX edición do Certame do Concello de Padrón.
Autor de “A senda de Sal”, premio Novela por entregas de La Voz de Galicia, “Alana”, premio Avilés de Taramancos, “Mover os marcos”, premio Victoriano Taibo, e “O bosque do duque Herstogenbosch”, catalogado como o Harry Potter das letras galegas, ten ás súas costas máis de trinta certames literarios gañados.
Este último galardón reforza a súa traxectoria iniciada hai tan só seis anos. O xurado definiu o poemario “Konpostela” como “un texto de fondo carácter unitario e ben estruturado que ofrece unha visión de Compostela na que o autor sabe incluír un eu esgazado”. Calquera das súas obras denotan un exquisito coidado da linguaxe e orixinalidade. Enxeñeiro de profesión, Fran Fernández é membro do Instituto de Estudos Miñoráns no apartado de Cultura na Promoción Urbana do Galego.

