Podemos Baiona insta ao equipo de goberno a aproveitar as subvencións do INEGA publicadas no DOG e iniciar a solicitude da axuda para contratar asistencia xurídica e técnica, permitindo mellorar a planificación enerxética. “O Concello de Baiona debe aproveitar este tipo de subvencións que permiten obter un importante aforro para a veciñanza”, indica o candidato á alcaldía de Podemos, Agustín Silva, quen insta ao Concello “a levar a cabo a solicitude das subvencións do INEGA xa que estas permitirían “mellorar a planificación enerxética e a contratación das subministracións enerxéticas das entidades locais”.
Ademais, o candidato á alcaldía valora positivamente que tamén se fale da posibilidade da compra de enerxía por parte de agrupacións de Concellos, como é o caso da comarca do Val Miñor. “É algo que deberá abordarse dende o punto de vista técnico, pero calquera iniciativa que vaia na liña de fomentar a colaboración e o aforro son positivas”. Nese senso, recorda Silva as dificultades que tivo o tripartito para facer fronte ao pago das facturas derivadas pola suba da enerxía durante os últimos meses, co custo extra que isto supuxo para as arcas locais, chegando a ter que recorrer ao remanente do Concello para afrontar o pago das mesmas, deixando en consecuencia unha redución nas partidas dos orzamentos deste ano, como por exemplo as destinadas a emerxencia social.
Por outra banda, desde Podemos cren que o Concello tamén debe ser facilitador da creación de comunidades enerxéticas, comezando nas parroquias e chegando ata o centro da vila. A formación pon o foco “no descoñecemento e dificultade de acceso da poboación ás subvencións”, polo que explica Silva “incluiremos no noso programa o Plan Enerxético Xeral, no que crearemos a oficina municipal para a transición enerxética” co fin de acompañar á veciñanza na solicitude das axudas, incluíndo as de rehabilitación enerxética, e que “a oportunidade de aforro e benestar estea ao alcance de todas as persoas”.

