O PP vota en contra de que a Xunta faga cumprir os horarios e esixa buses de reforzo entre Vigo e Val Miñor

A viceportavoz do Grupo Socialista, Leticia Gallego, denunciou este venres o voto en contra do PP á iniciativa parlamentaria que presentou na Comisión de Ordenación Territorial para que a Xunta fixera cumprir as condicións do contrato de bus entre Vigo e Val Miñor. Gallego denunciou o desleixo do goberno galego diante do incumprimento dos contratos, os cambios unilaterais das rutas e a supresión de paradas sen previo aviso por parte da concesionaria.

A parlamentaria socialista levou ao Parlamento as queixas dos veciños e das veciñas de Baiona e A Guarda, que están a alertar das eivas no servizo de transporte interurbano con Vigo pola falla de control do goberno galego diante dos incumprimentos das condicións do servizo por parte da concesionaria. Advertiu que as queixas da poboación do Val Miñor “son constantes dende decembro de 2020”, dende a sinatura do novo contrato do servizo.

Gallego alertou do “incumprimento dos contratos, cambios nas rutas ou a supresión de paradas sen previo aviso”, que veñen sendo reiterados dende decembro de 2020 sen que o goberno galego teña feito nada para esixirlle á empresa o cumprimento dos estándares de calidade. Alertou de que ademais da supresión de paradas, “non hai prazas nos autobuses en horas punta sen que a empresa nin considere empregar vehículos de reforzo”.

Criticou que logo de dous anos e medio de queixas nas liñas de bus entre Vigo e o Val Miñor, “o goberno galego tan só se preocupe de buscar unha foto coa concesionaria sen contar cos concellos afectados”. Aludiu así á xuntanza convocada no pasado mes de abril coa empresa concesionaria, pero que concluíu “sen que fixeran nada de nada”.

Afeoulles que excluíran aos alcaldes deste encontro, malia as peticións reiteradas en xaneiro e abril por parte do alcalde de Baiona, o socialista Carlos Gómez, que pediu un encontro coa Xunta e a concesionaria diante das queixas dos veciños. Explicou que é o goberno galego o que xestiona o contrato de transporte, malia que o servizo recibe achegas económicas de tódolos concellos adheridos, que “son os que coñecen mellor as deficiencias e os problemas do día a día”.

Esta é a terceira vez que o Grupo Socialista se ten interesado pola situación desta liña, despois dunha pregunta oral o pasado 13 de abril e de que en novembro de 2021 lle reclamara á Xunta que fixera cumprir cos requisitos de limpeza diaria dos buses, a instalación de baños na cabeceira de cada liña para o persoal e o cumprimento dos horarios estipulados.

Estas reivindicacións veñen sendo trasladadas polos usuarios e usuarias dende fai dous anos “sen que dende a Xunta fagan absolutamente nada”. Explica que “a maiores, a día de hoxe son moitas as persoas usuarias da liña Vigo – Baiona que non poden utilizar este transporte diariamente porque non hai prazas nas horas punta e a empresa evita poñer vehículos de reforzo”.

Gallego apunta que o servizo actual resulta “absolutamente insuficiente” para asumir o aumento do número de viaxeiros que seguiu ao Real Decreto do goberno reducindo os abonos do transporte ao que se uniu a Xunta cun desconto adicional nos prezos do autobús autonómico.