As nenas e nenos hospitalizados lanzaron miles de bicos desde o Álvaro Cunqueiro

A Unidade de Hospitalización pediátrica do Hospital Álvaro Cunqueiro celebrou unha festa para conmemorar o Día da Infancia e a Adolescencia Hospitalizada. Así, ao ritmo da canción “Un Mar de Besos” do grupo Bombay, os nenos, as súas familias, o persoal sanitario e o equipo docente da Aula Hospitalaria, participaron nesta homenaxe lanzando bicos en honor a todos aqueles que están ou estiveron algunha vez hospitalizados.

O programa festivo contou con varias actividades, como unha exposición de xoguetes antigos e unha charla sobre os xoguetes na historia, a cargo Juan Manuel Alfaya. Tamén puideron desfrutar dunha sesión de maxia impartida polo Mago Cali; e a Asociación Asanog sorprendeulles coa visita de Spiderman.

Ademais, léronse as cartas que os alumnos de 2º curso do CPC Sagrado Corazón de Pontevedra enviaron aos nenos hospitalizados. O pasado ano un total de 4200 nenos e nenas estiveron ingresados no Hospital Álvaro Cunqueiro.