“Baiona seguirá sendo protagonista nos fondos de recuperación e os investimentos do Goberno”

O delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, visitou este xoves Baiona xunto ao alcalde, Carlos Gómez Prado, e a subdelegada do Goberno na provincia de Pontevedra, Maica Larriba, “para repasar os proxectos nesta vila do pasado máis recente e falar de futuro, porque os novos fondos de recuperación do goberno e os investimentos dos Orzamentos Xerais do Estado terán a Baiona como protagonista”.

“Vivenda, infraestruturas, turismo… haberá moita actividade e o Concello de Baiona está preparado para recibir estes novos proxectos, un concello xa familiarizado con este tipo de axudas”, explicou o delegado do Goberno. “Ademais, os concellos en xeral son moi eficaces no desenvolvemento dos proxectos”, engadiu Besteiro, que posteriormente visitou co alcalde o Parador de Baiona, “onde haberá unha actuación moi importante”.

Con respecto ao primeiro dos PSTD aprobados para Baiona, que inclúe a humanización de Santa Liberata, o alcalde de Baiona anunciou que “os pregos da adxudicación das obras están practicamente rematados, unha vez aprobados os informes sectoriais, o próximo goberno municipal lanzará a convocatoria”. Gómez Prado agradeceu a visita do delegado do Goberno “para falar dos recursos que xestionamos estes catro anos e para os que obtivemos o apoio do Goberno e fondos europeos”.