
O Concello de Nigrán ofrece por cuarto ano consecutivo “Música nas Parroquias” arrancando este venres 12 de maio coa contratación da Orquesta Finisterre para a Festa da Xuventude de Vilariño, evento organizado pola Comisión de Festas de San Antonio de Vilariño. A partir das 21:00 horas haberá bocatas de chorizo e ás 22:30 comezará a actuación da orquestra. Ao finalizar, a festa continuará co DJ Yogui. O programa municipal conta cun orzamento de 40.000 € e servirá para colaborar na celebración de todas as festas patronais do municipio, ben para contratar bandas de música ou orquestras.
“Volvemos colaborar coas entidades festeiras e veciñais para garantir a pervivencia das festas tradicionais de Nigrán porque son os verdadeiros días de celebración conxunta da veciñanza e de ledicia en cada parroquia”, resume o alcalde, Juan González, quen incide en que no caso de Vilariño a Comisión de Festas preferiu destinala a esta celebración para así recadar fondos para as patronais de San Antonio.
Así, este programa municipal iniciado en plena pandemia volverá colaborar coas festas do Santísimo Cristo da Victoria en Chandebrito, San Xoán de Panxón, San Pedro da Ramallosa, Santiago de Parada, Carme de Lourido, San Fiz de Nigrán (organizado integramente polo Concello), Virxe das Angustias, San Roque de Camos e, finalmente, Bo Xesús de Priegue.