Sin categoría

Galicia e Andalucía impulsan a peregrinación por mar e a cultura marítima coa xira da Nao Victoria

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, impulsa a xira promocional da Nao Victoria entre Andalucía e Galicia como iniciativa de difusión da peregrinación por mar e a cultura marítima. A responsable do ente público, Susana Lenguas, presidiu na tarde deste martes o acto institucional de recepción á réplica da embarcación conmemorativa do V Centenario da primeira volta ao mundo, que se atopa atracada no Monte Real Club de Yates de Baiona, onde se celebra unha xornada de portas abertas para locais e visitantes. No acto estiveron presentes, entre outros, representantes da directiva de Puertos de Andalucía e a Fundación Nao Victoria, así como a propia tripulación do buque, integrada por 15 navegantes, ademais do alcalde, Carlos Gómez.

Portos de Galicia colabora nesta iniciativa coa Agencia Pública Puertos de Andalucía, da Junta de Andalucía, dando continuidade á Travesía Náutica Xacobea que o ano pasado realizou unha peregrinación por mar desde Cádiz a Galicia. Deste xeito, ambas comunidades promocionan as súas instalacións náutico-recreativas e o intercambio de navegantes entre os seus portos co obxectivo de crear fluxos de navegación consolidados poñendo en valor o vínculo desta ruta coa peregrinación xubilea.

A presidenta de Portos lembrou na súa intervención que malia que o 2023 non é Ano Santo, todos os portos deportivos galegos seguen sendo portos xubileos xa que son a porta de entrada de numerosos navegantes que peregrinan a Galicia por mar e desde a costa galega enlazan coas rutas oficiais de peregrinación a Santiago. “Queremos que viaxes como a da Nao Victoria deixen un ronsel que poidan seguir moitos outros navegantes aos que esperamos en Galicia, ao final do Camiño”, subliñou.

A réplica da Nao Victoria, que partiu o pasado mes de abril dos portos andaluces de Rota e Mazagón, volverá estar aberta aos visitantes no Monte Real Club de Yates de Baiona este mércores despois de ter visitado durante a semana pasada o porto de Sanxenxo. A entrada é gratuíta.