O candidato de Podemos en Baiona, Agustín Silva, participou este venres nunha reunión en Ourense, coa secretaria xeral de Podemos, Ione Belarra, ministra de Dereitos Sociais e Axenda 2030. O encontro enmárcase no primeiro acto de precampaña de Podemos Galicia, onde se reuniron os candidatos que a forza política presentará ás próximas eleccións municipais de maio. Podemos presentou este sábado no Liceo Marítimo a súa candidatura, baixo o lema: “A forza que transforma”, onde Silva explicou á veciñanza e a algunhas das asociacións da vila as liñas da súa candidatura e o seu programa para o 28M.
A formación preséntase por primeira vez en solitario en Baiona a unhas eleccións municipais. Hai catro anos, membros da mesma formaban parte da candidatura conxunta con Esquerda Unida (Unidas Podemos) onde non conseguiron entrar no Concello por unha forte fractura no voto ao presentarse 8 partidos políticos.
Desde entón, a formación traballou ofrecendo diferentes propostas ao Equipo de Goberno como: a creación de bonos comercio a cargo do remanente do Concello para fomentar o comercio local e de proximidade, requirindo melloras nos servizos públicos ás distintas administracións, onde Silva deixou “pegada propia”, por elevar o caso dos problemas coa UTE Lugove á Consellería e á Valedora do Pobo, ante un servizo de transporte totalmente precario dende que foi asinado o contrato coa Xunta de Galicia.
Tamén solicitaron ao Concello e a Mancomunidade a creación dun Plan de Emerxencia ante a grave situación de seca sufrida na vila, unha solución aos problemas de contaminación na Foz do Miñor e elevaron ao Congreso dos deputados e ao parlamento Europeo a “fragmentación irregular” dos parques eólicos da Serra da Groba.
Máis recentemente abordaron a necesidade da creación de vivenda para aluguer social cos inmobles e terreos da Sareb e outros moitos problemas que, esperan xestionar con toda a forza que a veciñanza lle confíe, como xa o está a facer Podemos no Goberno do Estado, onde se conseguiu a primeira lei de vivenda en democracia, a renda mínima vital, a reforma laboral, a lei de familias e dereitos feministas, poñer tope ao Gas ou mellorar os dereitos e benestar dos animais.



