Sin categoría

O equipo feminino do Turonia GFG proclámase subcampión da Península Ibérica

Este sábado o Turonia GFG feminino vénse de facer co subcampionato de fútbol gaélico de Iberia, na final do Campionato Ibérico que se celebrou en Vigo. Nesta final a seis, o equipo miñorán quedou encadrado no grupo B xunto con Barcelona Gaels e Eire Og Seville. No grupo A quedaban as Fillas de Breogán da Coruña, o Estrela Vermelha de Santiago e o Valencia GAA.

As de Gondomar comezaron perdendo contra as de Barcelona por un axustado 10 a 14, no segundo encontro contra Sevilla acadaron a vitoria por 6 a 12, conseguindo finalmente o segundo posto do grupo. Na semifinal tiveron que enfrontarse ás rapazas da Coruña, levando a vitoria pola mínima, 3 a 4, e conseguindo o pase á final. Nesta volvéronse enfrontar ás de Barcelona saíndo derrotadas, pero contra un equipo moi potente, con moitas xogadoras de orixe irlandesa, berce deste deporte, por un resultado de 8 a 4.

Este subcampionato Ibérico consolida ao Turonia GFG como referente do fútbol gaélico galego feminino. As de Gondomar están a desenvolver unha tempada marabillosa, e na semana anterior conseguían facerse co campionato da Liga Galega contra o rival directo, o Estrela Vermelha de Santiago. A grande fazaña que estas mulleres lograron este ano é mérito dun equipo comprometido e forxado por xente con experiencia e de nova incorporación e dun equipo técnico formado por Alex Álvarez e Juancho Larrasq, sen os que todo isto sería imposible.

Agora aínda queda por diante a Copa do All-Galicia e os mundiais de Irlanda que terán lugar en Derry este verán, e no que varias das xogadoras do Turonia GFG irán defender as cores da Selección Galega.