Sin categoría

“A nefasta xestión económica do alcalde de Baiona provoca que as empresas tarden en cobrar o triplo de tempo”

As empresas provedoras do Concello de Baiona tardan en cobrar as facturas o triplo de tempo, unha media de 84 días. “A causa do incremento da carencia ata nun 30 por cento débese á nefasta xestión económica do alcalde, o socialista Carlos Gómez, e de todo o seu equipo ao longo dos catro anos de lexislatura”, sinalan desde o Partido Popular. “Todo isto sumado ao malgasto continuo, que aumenta canto máis se aproxima a data electoral. Un dato obxectivo que demostra este malgaste acrecentouse moito máis nos últimos meses e, por tanto, as súas consecuencias, é que no último ano o período de pago ás empresas duplicouse. Se no primeiro trimestre de 2022 era de 46 días, agora sobe ata os 84. Coñecendo como actúa este goberno non nos sorprende, pero preocúpanos porque están a deixar ao Concello sen diñeiro”, manifestan os populares.

O PP extraeu estes datos do informe económico relativo ao primeiro trimestre do ano 2023, emitido con motivo do pleno ordinario celebrado esta semana, “no que quedou constatado o caos co que traballan PSdeG, BNG e NOS que repercute directamente nun prexuízo importante para as empresas, moitas delas de Baiona e da comarca”.

Pero para o grupo municipal popular, isto non é novo. Xa en febreiro deste ano os edís populares advertiron publicamente da necesidade de reconducir a política económica do Concello ante o incremento do período de pago a provedores. Moitas destas empresas trasladaron o seu malestar ao principal partido da oposición e urxían unha solución para frear esta dilatación no tempo polo afogo económico provocado polos atrasos. Con todo, lamentan desde o PP, o tripartito “non só non puxo remedio, senón que a carencia disparouse un 30 por cento”.